Gas Natural Transporte pon en servizo o gasoduto da Mariña, que subministrará a 55.000 usuarios, tras investir 30 millóns de euros

Data
16-01-2015
Categoría
España
Tema

Este ramal de transporte primario de gas natural, entre Ribadeo e Viveiro, permite dende hoxe a subministración á planta de Alcoa en San Cibrao.

  • Esta infraestrutura permitirá tamén conectar á rede os municipios de Cervo, Barreiros e Viveiro, onde se adiantou a subministración de gas natural a través de plantas satélite de GNL, así como aos municipios de Ribadeo, Foz, Burela e Xove.
  • A construción do gasoduto, realizada nun tempo récord de 11 meses e segundo o calendario previsto, supón un fito neste tipo de construcións pola complicada orografía e o cruzamento de canles hidrolóxicas.

GAS NATURAL FENOSA, a través da súa compañía Gas Natural Transporte, puxo en servizo o gasoduto da Mariña Lucense, entre Ribadeo e Viveiro, que cun investimento de 30 millóns de euros permite dende hoxe o acceso á subministración de gas natural á planta de Alcoa en San Cibrao.

A construción e posta en servizo desenvolveuse segundo o calendario previsto e anunciado pola compañía, que onte empezou os traballos de posta en marcha e que culminaron hoxe tras quedar operativa a Estación de Regulación que subministra a Alcoa.

O gasoduto da Mariña permitirá tamén conectar á rede de gas os municipios de Cervo, Barreiros e Viveiro, onde se adiantou a subministración de gas natural a través de plantas satélite de GNL, así como aos municipios de Ribadeo, Foz, Burela e Xove. Máis de 55.000 usuarios domésticos, comercios e industrias da zona beneficiaranse desta infraestrutura.

A chegada do gas natural a través do gasoduto contribuirá á mellora da calidade de vida dos cidadáns, ao maior aforro das familias, así como ao crecemento económico e industrial da bisbarra da Mariña Lucense e de Galicia.

O gas natural converteuse nunha solución enerxética económica e eficiente tanto para os fogares coma para as empresas, o sector terciario e a industria. A súa utilización require un baixo investimento e ofrece un alto rendemento, o que permite obter procesos con elevada eficiencia enerxética.

Reto de enxeñaría enerxética en tempo récord

O gasoduto da Mariña, de 65 quilómetros de lonxitude, conecta co gasoduto Llanera-Vilalba e discorre enterrado na súa totalidade polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro. A nova infraestrutura de tubo de aceiro conta cun diámetro de 16 polgadas e 80 bar de presión e é capaz de vehicular máis de 100.000 metros cúbicos/hora.

Na construción do gasoduto, que se levou a cabo nun tempo récord de 11 meses, participaron máis de 200 profesionais. Malia as duras condicións de traballo debido á complicada orografía e aos rigores climatolóxicos desta zona da costa galega, a obra finalizou cumprindo os prazos comprometidos e sen ningún tipo de incidente.

O gasoduto discorre por zonas de gran riqueza ecolóxica e paisaxística, polo que a compañía enerxética deu prioridade á preservación do ámbito. Para iso, ademais de realizar multitude de actuacións de rexeneración forestal e de biofauna, cruzáronse as principais canles fluviais utilizando a tecnoloxía de perforación dirixida. Así, no cruzamento do río Grande, que desemboca na ría de Ribadeo, foi necesario realizar a perforación dirixida máis longa e profunda levada a cabo no noso país nos últimos anos para este tipo de infraestruturas, con case un quilómetro de lonxitude e profundidades de máis de 70 metros en relación ao nivel de terreo, o que supuxo un reto construtivo no desenvolvemento do proxecto.

O gasoduto da Mariña Lucense deseñouse e construíuse seguindo as máis estritas normas de seguridade nacionais e internacionais, ademais das mellores tecnoloxías, que garanten unha operación segura ao longo de toda a súa vida útil. Dende o centro de control de Gas Natural Fenosa contarase con información puntual, 24 horas ao día, sobre a situación e operación do gasoduto, para poder controlalo e operalo con total seguridade.

Presenza de Gas Natural en Galicia e na Mariña

Gas Natural Galicia, compañía distribuidora de GAS NATURAL FENOSA nesta comunidade, conta cunha rede de distribución de máis de 3.100 quilómetros e máis de 245.000 puntos de subministración nos 69 municipios onde distribúe, o que supón que o 65% da poboación galega está hoxe en disposición de utilizar esta enerxía.


Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2014.