Por que é tan importante a eficiencia enerxética?

En poucas palabras, eficiencia significa "conseguir moito con pouco", pois trata de como usar os menores recursos posibles para conseguir o máximo efecto. A eficiencia enerxética é a arte de usar a menor cantidade posible de enerxía (electricidade, gas, gasóleo, etc.) para conseguir a satisfacción das nosas necesidades de luz, calor, frío e comodidade en xeral. É como dar de cear ben a moitas persoas usando unha cantidade limitada de provisións, algo que os cociñeiros habilidosos conseguen doadamente.

 

Podemos conseguir eficiencia mediante a tecnoloxía avanzada (cambiando unha lámpada convencional por un led) ou ben mediante o sentido común, achegando a luz ao xornal que está a ler unha persoa nun cuarto. En ambos os dous casos conseguimos o mesmo: un xornal ben iluminado e un lector satisfeito.

 

A eficiencia enerxética é fundamental para conseguir un mundo sostible. A razón é que fabricar e distribuír enerxía (en forma de electricidade, gas, leña ou calor útil) resulta caro e ten un forte impacto sobre o noso medio. Poden existir "illas" contaminadoras e desbaldidoras de enerxía, pero son insostibles a longo prazo. A eficiencia enerxética facilitará que toda a humanidade goce dunhas condicións de vida dignas e saudables, sacando o maior partido posible da enerxía.
 

A eficiencia enerxética

 

En que pode mellorar a nosa vida a eficiencia enerxética?

  • Unha casa que aforra enerxía aforra tamén moito diñeiro. Non ten que mirar máis as facturas da calefacción e a electricidade para caer na conta.
  • A eficiencia enerxética contribúe ao benestar dos nosos fogares, pois combate o dispendio mediante accións intelixentes que contribúen a mellorar a sociedade de moitas maneiras: unha casa eficiente está sempre mellor coidada e proporciona unha vida máis satisfactoria aos seus moradores.
  • A eficiencia enerxética mellora do noso medio. Podes ver no recibo da luz a cantidade de CO2 e residuos radiactivos que xera cada kWh que consumiches, pero habería que engadir a estes dous elementos moitos outros compostos contaminantes. Cada partícula de enerxía que aforramos contribúe de xeito directo a mellorar a nosa saúde e a do noso planeta.

Non resulta demasiado cara?

A eficiencia enerxética pode mellorarse gastando dende moi pouco a bastante diñeiro. Pero mesmo se investimos moito diñeiro, comezaremos a recuperalo inmediatamente, ao ver reducidas as nosas facturas de enerxía. Desta forma, un termóstato amortízase nun par de días, mentres que unha mellora completa de illamentos pode tardar uns poucos anos. Unha vez amortizada a instalación, poderemos recoller os seus beneficios durante toda a duración da súa vida útil, que pode ser doadamente de décadas.

É certo que resulta moi complicada de poñer en práctica?

A eficiencia enerxética baséase principalmente no sentido común e en instalacións sinxelas. O tempo de instalación pode variar duns minutos para colocar un faldrón illante nunha porta a algunhas semanas para colocar un illamento completo.

Moitas cousas pódeas facer un mesmo, practicando a sinxela ecobricolaxe da eficiencia enerxética, pero en xeral confiar nun bo profesional para realizar as instalacións aforraranos tempo e diñeiro.
 

Por que falamos agora da eficiencia enerxética?

A eficiencia enerxética nos edificios é unha arte que se veu practicando dende tempos inmemoriais, pero que se perdeu por desgraza no gran boom da construción das últimas décadas. As primeiras políticas oficiais de aforro de enerxía comezaron a raíz da crise do petróleo de 1973, e a loita contra o cambio climático deulles un forte impulso, xa en tempos actuais.

Onde podemos conseguir un maior aforro de enerxía?

Como consumes enerxía no teu fogar

Temos unha marxe moi grande para mellorar a nosa eficiencia enerxética, especialmente no que se refire á climatización dos nosos fogares: o uso da calefacción e o aire acondicionado. Pero hai outros aspectos da nosa vida cotiá onde tamén hai grandes posibilidades de mellorar a nosa eficiencia enerxética. Descóbreos.