b) Facer nós mesmos o noso plan de xestión da demanda

Para realizar unha completa auditoría enerxética da nosa vivenda, aconsellamos revisar todos estes aspectos da nosa vivenda:

 

  • Fugas de temperatura: A oscilación da chama dunha simple candea acendida axudaranos a detectar fugas de calor en portas e ventás. Neste punto deberemos formularnos ata onde queremos chegar na mellora do illamento térmico da casa, dende uns sinxelos burletes a unha instalación completa de paneis illantes.
  • Utilización de calor e frío que xeran os sistemas de calefacción e aire acondicionado. Revisaremos as pautas de uso como horarios de acendido e apagamento, a temperatura de confort elixida no verán e inverno, etc. Tamén comprobaremos se paga a pena cambiar os aparatos por outros máis modernos e eficientes (como un quentador antigo por unha caldeira nova de condensación, etc.).
  • Iluminación: ver as necesidades de substitución de lámpadas obsoletas de incandescencia por fluorescentes ou LED e recolocar as lámpadas existentes para que iluminen mellor con menos gasto.
  • Auga quente: revisar se se poden modificar as súas pautas de uso, reducindo a temperatura de saída e se se debe ou non cambiar de caldeira.
  • Electrodomésticos: Comprobar se paga a pena a substitución de aparatos vellos por versións A+++ e tamén mellorar as súas pautas de uso.

O truco principal dunha revisión enerxética dunha casa é buscar os "depósitos de enerxía desbaldida". Un exemplo típico é o vello refrixerador que aínda funciona na cociña, do cal ninguén se acorda de cando se mercou. A súa substitución por un modelo clase enerxética A+++ garante 400 kWh (uns 100 €) menos na factura eléctrica anual.

 

O mesmo se pode dicir dunha ventá grande e mal axustada, de cristal simple. A súa substitución por unha de dobre cristal e peche hermético supoñerá unha boa redución no gasto en calefacción. A idea consiste en detectar os puntos onde poidamos conseguir máis aforro con menos custo e empezar por eles. En ocasións, colocar un simple faldrón nunha porta pode reducir significativamente o noso gasto de enerxía.
 

O noso plan de xestión da demanda tamén debe ter en conta as condicións exteriores da casa, a posibilidade de ter vexetación en balcóns e terrazas para amortecer os extremos de temperatura, usar os patios de ventilación para refrixerar certas horas, etc. Así como as sinerxías positivas ou negativas que se poidan presentar entre os diferentes sistemas que consumen enerxía da casa, por exemplo a posibilidade de conectar á lavadora unha toma de auga quente do quentador de gas.