Tecnoloxía e comodidade

Onde mellor que na casa? O desenvolvemento tecnolóxico revolucionou os nosos fogares ata o punto de convertelos en auténticos espazos de ocio e entretemento, onde se poden desenvolver gran cantidade de actividades lúdicas con todas as comodidades e toda a seguridade. Adapta o teu fogar segundo as túas necesidades e sácalle todo o partido para pasalo ben sen saír de casa.

Tecnoloxías de información, ocio e entretemento

Tecnoloxía e comodidade

Internet, telefonía sen fíos e videoconferencias, cine na casa, equipos de audio e alta fidelidade, videoconsolas e todo tipo de aparatos electrónicos. As tecnoloxías da información, do ocio e do entretemento gañan cada vez máis terreo nos fogares españois. Pero, como sacarlles o máximo partido?
 

  • Define un espazo para cada actividade: adapta o teu recanto da lectura, o teu cine na casa, a túa zona de traballo, o teu espazo para facer deporte, para xogar cos nenos, para coser ou para cociñar pensando nos aparatos que utilizas para cada unha destas actividades e sitúaos nun acceso doado e preparados para o seu uso. Se os mantés na caixa onde viñan envolvidos nunca os vas utilizar.
  • Respecta as túas necesidades reais: a un televisor de gran tamaño e resolución só se lle pode sacar partido véndoo dende certa distancia. Se non tes espazo abondo para respectar a distancia necesaria, compra un televisor máis pequeno!
  • Utiliza o sentido común: garda e toma en serio os manuais de instrucións dos aparatos electrónicos e utilízaos con precaución e sentido común. Por exemplo, xoga ás videoconsolas con mandos sen fíos só cando dispoñas dos espazos axeitados e non haxa ningún obxecto polo medio co que poidas tropezar ou mancarte se te moves demasiado.

Tecnoloxías de seguridade

Se convives con nenos, animais ou persoas con necesidades especiais, un bo xeito de minimizar os riscos dos accidentes domésticos é utilizando as tecnoloxías e aparatos de seguridade. Con electrodomésticos con opción de autobloqueo, detectores de fumes, purificadores, alfombras para a bañeira, protectores de enchufes e de esquinas, luces de noite con sensores ou alarmas e sistemas antirroubo protexerás aos teus e sentiraste moito máis seguro na casa.

Tecnoloxías adaptadas

Perante calquera necesidade especial, utiliza a tecnoloxía para encontrar a solución óptima. Hoxe en día, as persoas con mobilidade reducida, por exemplo, poden moverse por casa con folgura se logran adaptala ás súas necesidades reais. Neste caso, son boas opcións dispoñer de pratos de ducha en vez de bañeiras, escaleiras eléctricas ou ascensores en vez de escaleiras tradicionais ou utilizar dispositivos portátiles con sistemas de alarma e xeolocalización.