Para gozar dun fogar cómodo e confortable, o primeiro que debemos ter en conta é a distribución dos espazos da vivenda, xa que determinarán as actividades que podemos levar a cabo nela.
- Destinar unha ou varias actividades para cada estancia
Antes de nada, debemos pensar onde faremos as actividades para poder definir cales son as necesidades que teremos que cubrir en cada cuarto. Por exemplo, no salón, debería haber unha boa fonte de luz natural, xa que é a estancia máis utilizada e na que, probablemente, pasaremos máis horas.
- Traza unha circulación eficiente
Cal cres que é o camiño máis rápido para atravesar a casa e moverte comodamente dunha estancia a outra? Traza este camiño mentalmente e non poñas ningún obxecto que o obstaculice, de maneira que a circulación pola vivenda sexa o máis cómoda e eficiente posible.
- Respectar os elementos integrados
Antes de amoblar e decorar, debemos fixarnos en respectar a apertura das portas e ventás, non taponar os espazos de iluminación natural e ventilación e ter en conta os canos de auga, a toma eléctrica, os radiadores ou os extractores, así como os armarios encaixados, as chemineas ou calquera outra entidade integrada da vivenda.
- Separar estancias sen usar tabiques
Especialmente nos fogares de dimensións moi reducidas, recoméndase non desaproveitar o espazo con portas e paredes e si crear un espazo circular, é dicir, que teña entrada e saída por distintas partes. As portas corredizas, os biombos ou os paneis de arroz, papel ou tea permiten separar dúas zonas dunha casa sen restar centímetros, aumentando así a sensación de espazo.
- Espazos fixos e espazos flexibles
A cociña, o baño ou o dormitorio son os tres espazos da casa cunha función máis determinada: cociñar, comer, asearse e descansar. Por iso, o mobiliario destes cuartos pode ser máis fixo e funcional porque raramente teremos necesidade de cambialo. O salón, a terraza ou o xardín, en cambio, son estancias máis versátiles nas que podemos levar a cabo moitas actividades e onde é máis recomendable dispoñer de mobles e elementos máis decorativos e flexibles de maneira que permita converter o noso salón nunha pista improvisada de baloncesto para os nenos ou nunha pista de baile para unha festa.
- Uso do espazo vertical
Se a altura o permite, unha forma de gañar espazo é elevar os elementos mediante estantes ou outros recursos colgados na parede. Se conseguimos manter o chan máis despexado, gañaremos en orde e en comodidade. Un exemplo son as liteiras para os nenos ou as camas elevadas que permiten situar un armario ou un escritorio xusto debaixo.
- Aproveitar os recantos mortos
Ás esquinas ou aos espazos mortos podemos sacarlles partido destinándoos á almacenaxe de obxectos ou ben converténdoos en recantos decorativos.