Futuro smart

Mesas con funcións extraordinarias, espellos interactivos con sensores de temperatura interior e exterior, baños intelixentes que regulan a temperatura e dispoñen de fío musical, neveiras que programan a compra... e un longo etcétera. A tecnoloxía para o descanso e o benestar quere instalarse nos nosos fogares co fin de satisfacer as nosas necesidades de comunicación, seguridade, xestión enerxética e, sobre todo, confort.

Futuro smart

 

Dende sempre, a tecnoloxía estivo ao servizo do home para servir como motor de innovación e progreso. Dende o invento da roda hai miles de anos aos aparatos interactivos máis modernos que hoxe gobernan os nosos fogares, a investigación e o desenvolvemento estiveron ao noso lado cun único obxectivo: facernos a vida máis doada.
 

Nese sentido, a aplicación da tecnoloxía no fogar hai anos que se dirixe cara a un horizonte de puro confort, seguridade e comodidade para as persoas. O propósito é conseguir desfacernos das tarefas cotiás máis pesadas e trasladar estas preocupacións aos equipos intelixentes. O reto, ademais, é crear aparatos eficientes e funcionais pero tamén estéticos, de maneira que as solucións tecnolóxicas queden esteticamente integradas na decoración do fogar.

Que é a domótica?

É a tecnoloxía aplicada ao fogar. Trátase dos equipos e aparatos intelixentes ao servizo das persoas que viven na casa.

Fogares automatizados: os fogares do futuro

Un bo exemplo de tecnoloxía aplicada ao fogar é o das redes intelixentes, capaces de integrar dun modo automatizado e eficiente o comportamento de todos os axentes conectados a elas: xeradores, distribuidores e consumidores. Grazas a elas, o gasto en enerxía diminúe e o aforro na factura é moi considerable.
 

Os fogares do futuro perfílanse como lugares que poderemos controlar de forma remota, nos que estaremos moito mellor conectados (con internet no espello do baño ou na neveira), e onde poderemos gozar de funcións extraordinarias e experiencias de luxo co mínimo esforzo.