3e-Houses: fogares eficientes e sostibles

3e-Houses é un proxecto da Unión Europea para facer que os fogares sexan máis eficientes e sostibles a través da implantación de tecnoloxías que permitan aos usuarios coñecer e controlar o seu consumo de enerxía.

3e-Houses

Que é?

3e-HOUSES é un proxecto europeo financiado dentro do Programa Marco para a Competitividade e Innovación (CIP). O seu obxecto é a integración das tecnoloxías máis comúns da información e a comunicación (TICs) en vivendas sociais para axudar aos fogares a aforrar enerxía, desprazar consumos de horas punta a horas val, e reducir as emisións de CO2 contribuíndo, deste xeito, á mellora do medio.
 

O proxecto articúlase a través do desenvolvemento de 4 pilotos nun conxunto de vivendas de protección oficial en catro cidades europeas: Bristol (Reino Unido), Leipzig (Alemaña), Langenfeld (Alemaña) e Sant Cugat (España).
 

O piloto español desenvolveuse en 70 vivendas do municipio barcelonés de Sant Cugat del Vallès durante doce meses. Para integrar as novas tecnoloxías nas vivendas e obter os aforros enerxéticos esperados creáronse en primeiro lugar ferramentas para calcular e poder visualizar en tempo real o consumo de electricidade, calefacción e auga en cada vivenda. A continuación deuse a cada un dos participantes acceso gratis a Internet e un dispositivo dixital (un tablet) no que observar de forma sinxela o gasto que realizaban en cada momento. Desta forma buscouse a concienciación dos participantes, que á súa vez aplicaron sinxelas indicacións para diminuír o consumo enerxético.
 

Nunha segunda fase, engadíronse optimizacións no sistema de control da calefacción centralizada e instaláronse algúns automatismos, principalmente a nivel de edificio, para reducir consumos eléctricos. Así mesmo desenvolveuse unha estratexia de resposta á demanda, con prezos eléctricos simulados, ante os que os usuarios responderon maioritariamente trasladando consumos de horas punta a horas val.
 

Beneficios

Os servizos de xestión do consumo enerxético baseados na integración de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) en vivendas permiten:

 

  • aforros significativos de enerxía
  • unha mellor integración das enerxías renovables 
  • unha redución de emisións de CO2.

Neste sentido, o sector residencial ofrece o máximo potencial para obter un aforro enerxético que beneficie aos seus propietarios e a toda a sociedade.

Obxectivos

  • Aumentar a eficiencia en vivendas de protección oficial mediante a instalación de tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) nos fogares.
  • Fomentar o aforro de enerxía axudando aos inquilinos a coñecer como e canto consumen, e a forma en que poden xestionar os devanditos consumos para aforrar.
  • Analizar como a información e as medidas de eficiencia enerxética adoptadas inflúen no consumo enerxético nos diferentes escenarios europeos representados polos catro países participantes.

Logros

Os primeiros resultados do piloto español medidos dende maio de 2011 a abril de 2012 indicaron:

 

  • un aforro medio por vivenda do 20,2% en litros e kWh de auga quente sanitaria,
  • un 10% en calefacción
  • un 31,5% en electricidade
  • un 16,2% en consumo de auga fría.

A diminución do consumo enerxético repercutiu tamén nunha redución de emisións á atmosfera de 52,74 toneladas de CO2. Ademais, o proxecto influíu positivamente tamén nos edificios de vivendas xa que nas zonas comúns de cada un dos tres edificios participantes nesta iniciativa o aforro foi do 22%.

Despregamento

Simultaneamente ao proxecto español, levouse a cabo o piloto en 30 vivendas de Leipzig (Alemaña) e estanse a replicar ambos os dous pilotos en Inglaterra e Alemaña polo que se espera obter resultados globais en 2013.

Participación Gas Natural Fenosa

O proxecto está a ser executado por un consorcio de 9 entidades europeas: Gas Natural Fenosa, Indra, Promusa, Ennovatis GMBH, Bulgarian Housing Association (BHA), Bristol City Council, BCC, Knowle West Media Centre (KWMC), IP-PERFORMANCE LTD (IP-P), Toshiba Research Europe Ltd. (TREL). Dentro deste consorcio Gas Natural Fenosa participa como líder deste, realizando funcións de coordinación do proxecto e de responsable do piloto español. Ademais de Gas Natural Fenosa e Indra no desenvolvemento do piloto contouse co apoio e participación do Concello de Sant Cugat del Vallès, a través da súa promotora Promusa.