A Fundación Gas Natural Fenosa analiza en Valencia oportunidades empresariais no sector da enerxía e o medio ambiente

Data
13-02-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Para 2020, os ingresos en tecnoloxías relacionadas coa enerxía e o medio ambiente crecerán a ámbito mundial máis do dobre, ata alcanzar un volume de 3,1 billóns de euros e poderían crear máis de 2,8 millóns de empregos na UE.

  • A multinacional enerxética, a través da súa Fundación, presentou o Programa Primeira Exportación de axuda ás pemes de calquera sector para fomentar a exportación.

O director xeral de Enerxía da Consellería de Economía, Industria, Turismo e Emprego da Generalitat Valenciana, Antonio Cejalvo, e o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, inauguraron hoxe en Valencia o seminario "Emprender con energía". Pola súa parte, a consellera de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente, Isabel Bonig, foi a encargada da clausura da xornada, que reuniu máis de 200 profesionais de empresas enerxéticas, industriais, instaladores e expertos vinculados aos sectores da enerxía, a eficiencia enerxética e o medio ambiente.

Ao longo do seminario, expuxéronse as oportunidades económicas e empresariais que se abren no sector de enerxía e medio ambiente nun momento no que, dende Europa, se presentan novos incentivos. Nese sentido, a xornada abordou a estratexia do Goberno de España neste terreo, así como os novos programas europeos de apoio a proxectos de innovación en enerxía e a proxectos empresariais de baixas emisións de carbono.

Así mesmo, o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, presentou o novo Programa "La primera exportación" (A primeira exportación) da Fundación Gas Natural Fenosa destinado a axudar a pequenas e medianas empresas españolas, de calquera sector económico, nos seus primeiros pasos da súa actividade de exportación a calquera país do mundo.

Enerxía e Medio Ambiente como oportunidades de negocio

A xornada iniciouse co relatorio da directora da Fundación Biodiversidade, Sonia Castañeda, quen expuxo o labor desta entidade para promover o emprego e a economía verde a través do Programa e da Rede "emprendeverde" e explicou exemplos concretos de proxectos que apoian a creación de emprego e a empresas no sector enerxético.

O asesor do director xeral de Enerxía da Comisión Europea, Samuel Furfari, pola súa banda, explicou a visión da política enerxética e de clima da Comisión Europea, así como os novos programas de apoio a proxectos de innovación en enerxía e de baixas emisións de carbono. Furfari afirmou que o novo programa de innovación tecnolóxica e investigación "Horizonte 2020" permitirá por fin constatar a coherencia da política de Investigación e Desenvolvemento (I&D) coa política enerxética.

A xornada continuou coa análise das oportunidades para os operadores xa establecidos. A responsable do departamento de Planificación Estratéxica e Xestión de Carteira en Gas Natural Fenosa, Amaia del Villar, falou da estratexia que está a adoptar a compañía enerxética para posicionarse xeograficamente e en determinados negocios, para poder captar as múltiples oportunidades derivadas do crecemento da demanda nas rexións emerxentes e da transformación da cadea de valor da enerxía.

Pola súa banda, a directora xeral de Amphos 21, Lara Duro, presentou o desenvolvemento deste grupo de empresas de consultoría ambiental e o seu factor diferencial: o enfoque científico permanente e o desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito medioambiental. Ademais, explicou que o crecemento do grupo estivo relacionado cos servizos vinculados co medio ambiente e a enerxía, cuxos problemas proporcionaron unha grande oportunidade e crecemento da empresa.

O futuro do sector enerxético na UE

O director da Fundación Fórum Ambiental, Leandro Barquín, explicou que para 2020 os ingresos en tecnoloxías relacionadas coa enerxía e o medio ambiente crecerán a ámbito mundial máis do dobre, ata alcanzar un volume de 3,1 billóns de euros e poderían crear máis de 2,8 millóns de empregos na UE. Ademais engadiu que a economía do medio ambiente é considerada pola Comisión Europea como un dos tres motores principais na próxima década e que o crecemento do sector ambiental, supón unha grande oportunidade económica para España que se debe aproveitar.

Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Valencia, Juan Antonio Tomás Carpi, mostrou a significativa expansión do emprego verde na primeira década do século XXI, que situou a España nun posto destacado respecto aos países comprometidos coa modernización ambiental do sistema produtivo; sinalou ademais as perspectivas de crecemento e emprego de maior calidade que xeraría o feito de impulsar, dende agora, unha estratexia de fomento da economía no ámbito da enerxía e o medio ambiente.

Fundación Gas Natural Fenosa

Con esta iniciativa, a Fundación Gas Natural Fenosa prosegue co desenvolvemento da súa actividade, orientada á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e da innovación tecnolóxica no eido da enerxía de forma coherente co respecto e preservación do medio ambiente.

Valencia, 13 de Febreiro de 2014.