Gas Natural Fenosa alcanza un beneficio neto de 1.445 millóns grazas ao negocio internacional e malia o impacto regulatorio en España

Data
18-02-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

O EBITDA consolidado do exercicio foi de 5.085 millóns de euros, un 0,1% máis, polo bo comportamento das actividades internacionais, que aumentaron un 2,2% e representan o 44,1% do total do EBITDA.

  • O EBITDA do negocio de electricidade en España caeu un 12,7% e o de distribución eléctrica en España descendeu un 4,1%, malia as medidas de redución de custos e todo iso debido ao impacto dos axustes fiscais e regulatorios nas actividades de xeración e distribución de electricidade aprobados polo Goberno.
  • As medidas regulatorias adoptadas en España dende 2012 no sector eléctrico repercutirán no EBITDA anual en 600 millóns a partir do exercicio 2014. Os impactos por cambios regulatorios acaecidos en 2013 foron de 455 millóns.
  • En 2013 o EBITDA da actividade mundial de aprovisionamento e comercialización de gas natural creceu un 17,3% e alcanzou os 863 millóns de euros, debido á actividade no exterior.
  • GAS NATURAL FENOSA continúa normalizando o seu nivel de endebedamento, que se situou no 49,4%, e a súa débeda financeira neta descendeu un 8,5% respecto ao exercicio anterior.
  • A compañía segue comprometida coa súa sólida política de retribución ao accionista en efectivo e destinará 898 millóns a dividendos con cargo a resultados do 2013 (0,897 euros/acción), un 0,3% máis, o que implica un payout do 62%.
  • En novembro de 2013, a compañía enerxética presentou a actualización das liñas estratéxicas para o período 2013-2015 e unha visión estratéxica ata 2017, para adaptalas ao ámbito macroeconómico e regulatorio.

GAS NATURAL FENOSA obtivo un beneficio neto de 1.445 millóns en 2013, un 0,3% máis que no exercicio anterior. O perfil de negocio da compañía, a súa asentada presenza internacional e unha estrita política financeira permitíronlle compensar a diminución dos negocios en España, debido tanto á presión fiscal da Lei 15/2012 en actividade de xeración de electricidade en España, coma polos recentes impactos do RDL 9/2013 nas actividades de xeración e distribución de electricidade en España, que se elevaron a 455 millóns de euros no exercicio 2013.

O EBITDA consolidado alcanzou os 5.085 millóns de euros, un 0,1% superior ao do ano anterior, a pesar dun ámbito macroeconómico, enerxético e regulatorio moi esixente, e grazas ao adecuado equilibrio entre os negocios regulados e liberalizados nos mercados gasista e eléctrico, e á contribución crecente e diversificada da presenza internacional.

O pasado mes de novembro, GAS NATURAL FENOSA presentou ao mercado a actualización do seu Plan Estratéxico para o período 2013-2015 tras cumprir cos obxectivos a 2012 que marcou a compañía. Esta actualización establece obxectivos realistas, adaptados ao contexto macroeconómico, enerxético e sobre todo ao importante impacto regulatorio, para seguir cumprindo cos seus compromisos ante os accionistas.

As liñas estratéxicas centraranse na xestión óptima de cada unha das liñas de negocio de acordo coas condicións de mercado, a xestión da carteira de negocios segundo o seu encaixe estratéxico e a execución de plans de eficiencia. Os criterios realistas que marca a compañía permitiranlle sentar as bases para anticipar unha mellora significativa do crecemento a partir do ano 2015 e cumprir cos accionistas malia o ámbito macroeconómico e regulatorio, que repercute no resultado dos negocios en España.

GAS NATURAL FENOSA continúa comprometida cunha sólida política de dividendo en efectivo e prevé manter o payout en niveis do 62%, na liña dos últimos anos, compatible cos obxectivos de crecemento e desendebedamento previstos. A proposta de distribución de resultados do exercicio 2013, que o Consello de Administración elevará á Xunta Xeral Ordinaria para a súa aprobación, supón destinar 898 millóns de euros a dividendos (0,897 euros/acción), un 0,3% máis que en 2012, en liña co incremento do beneficio neto.

O pasado 8 de xaneiro, a compañía pagou en efectivo un dividendo á conta de 0,393 euros por acción, con cargo aos resultados do exercicio 2013. O pagamento do dividendo complementario de 0,504 euros por acción será realizado tamén en efectivo.

Crecente achega das actividades internacionais

As actividades internacionais de GAS NATURAL FENOSA, que aumentaron un 2,2% a súa achega ao EBITDA consolidado, representaron o 44,1% do EBITDA, fronte ao 43,2% de 2012. Este dato contrasta coa achega ao EBITDA da actividade en España, que diminuíu un 1,6%, ata representar o 55,9% do total do consolidado do grupo.

A 31 de decembro, a débeda financeira neta foi de 14.641 millóns de euros e situou o nivel de endebedamento no 49,4%. Se se desconta o déficit de tarifa pendente de recuperar a peche do exercicio (485 millóns de euros), a débeda neta situaríase en 14.156 millóns de euros, equivalente a un nivel de endebedamento do 48,5%.

O 87,7% da débeda financeira neta ten un vencemento igual ou posterior ao ano 2016 e a vida media da débeda situouse en 5 anos.

Os investimentos materiais e intanxibles de GAS NATURAL FENOSA alcanzaron os 1.494 millóns de euros durante o ano, cun incremento do 10,1% respecto aos do ano anterior. Este crecemento débese aos investimentos en xeración de electricidade no ámbito internacional, principalmente en México. Por ámbito xeográfico, os investimentos en España diminuíron un 4% aínda que seguiu sendo o principal destinatario, cun 55,7% dos investimentos consolidados en 2013, fronte ao 63,9% de 2012. Mentres, os investimentos no ámbito internacional representaron o 44,3% restante e creceron un 35% respecto ao ano anterior.

Distribución de gas en España

O EBITDA da actividade de distribución de gas en España alcanzou os 917 millóns de euros, cun crecemento do 1,9%.

As vendas da actividade regulada de gas en España no seu conxunto descenderon nun 2,3% respecto a 2012. Este descenso vén provocado por unha caída do 44,8% no gas vehiculado, fundamentalmente para ciclos combinados, que compensou o aumento (3,3%) da demanda suxeita a remuneración de distribución.

A peche do exercicio, a compañía tiña 5.172.000 puntos de subministración (+0,9%) e a rede de distribución alcanzou os 47.678 quilómetros, coa incorporación de 1.137 quilómetros durante o ano.

Distribución de gas en América latina

O EBITDA da distribución de gas en América latina alcanzou os 686 millóns de euros, cun incremento do 7,2% respecto ao 2012.

Por países, destacou o EBITDA rexistrado en Brasil, de 349 millóns de euros, que xunto co de Colombia, de 190 millóns de euros, representan preto do 79% do total. O importe neto da cifra de negocio ascendeu a 3.260 millóns de euros, un 9,3% superior ao do exercicio anterior.

GAS NATURAL FENOSA adxudicouse no mes de xullo o concurso convocado polo Estado peruano para estender o servizo de gas natural a 4 cidades do sueste do país (Arequipa, Moquegua, Tacna e Ilo). De acordo á licitación adxudicada, a compañía fará chegar a subministración enerxética a unha nova área que aínda non está conectada á rede de gasodutos e prevé facer chegar o gas a máis de 60.000 fogares. Con esta adxudicación, a compañía consolida e amplía a súa presenza en América latina.

A peche do exercicio, as vendas da actividade de gas en América latina, que agrupa as vendas de gas e os servizos de acceso de terceiros á rede (ATR), ascenderon a 229.833 GWh, un 9,3% máis que as rexistradas en 2012.

A rede de distribución en América latina incrementouse un 2,6% no exercicio e alcanzou os 69.054 quilómetros a final de ano. A este crecemento contribuíu a expansión da rede en México, con 674 quilómetros novos.

GAS NATURAL FENOSA superou os 6,3 millóns de puntos de subministración a 31 de decembro, o que representou un incremento de 231.000 puntos de subministración respecto ao ano anterior. Cómpre salientar o incremento en Colombia, onde se produciu un aumento de 115.000 puntos. Tamén foi relevante o crecemento do incremento neto de clientes en México, dun 38,7%, por un maior número de postas en servizo que o ano anterior. Brasil, pola súa banda, mellorou nun 31,4% as vendas de gas e ATR, especialmente para o mercado de xeración.

Distribución de gas en Italia

O EBITDA da actividade de distribución de gas en Italia foi de 92 millóns de euros, un 10,8% máis que no ano anterior. A mellora do EBITDA estivo marcada polo crecemento continuo dos resultados provenientes da actividade regulada de distribución así como a unha mellor marxe de vendas de gas. As vendas da actividade de gas ascenderon a 3.786 GWh.

GAS NATURAL FENOSA alcanzou os 455.000 puntos de subministración en Italia, un 1,3% máis que a peche de 2012, mentres que a rede de distribución alcanzou os 6.958 quilómetros, o 1,1% máis.

Distribución de electricidade en España

O EBITDA da actividade de distribución de electricidade, de 588 millóns de euros, reduciuse un 4,1% en 2013. A caída no resultado é consecuencia do impacto negativo do Real decreto-lei 13/2012, que estableceu unha redución dos ingresos regulados asociados á actividade de distribución e xestión comercial do acceso, e do Real decreto-lei 9/2013, aprobado polo Consello de ministros o pasado xullo, que afecta á actividade de distribución de electricidade así como á retribución da actividade de transporte para o segundo período do ano.

Á mencionada evolución da cifra de negocio, cómpre engadir un incremento do gasto operativo neto, xa previsto na actualización do Plan Estratéxico da compañía do pasado mes de novembro, e que principalmente se debe ás medidas de eficiencia aplicadas durante o exercicio, cuxo impacto se espera que repercuta positivamente en exercicios posteriores. Os RDL 13/2012 e 9/2013 terán un impacto estimado de 260 millóns sobre o EBITDA desta actividade en 2014.

As vendas da actividade de electricidade foron de 32.766 GWh, un 3% menos que en 2012. A 31 de decembro, a compañía contaba con 3.772.000 puntos de subministración, o que iguala a cifra de peche do exercicio anterior.

O Tempo de Interrupción Equivalente á Potencia Instalada (TIEPI) alcanzou valores superiores aos do ano anterior, debido principalmente a unha peor climatoloxía aínda que acorde coa media rexistrada nos últimos anos.

Distribución de electricidade en América latina

O EBITDA da actividade de distribución de electricidade en América latina , que inclúe Colombia e Panamá, alcanzou os 340 millóns de euros en 2013, un 7,1% menos. GAS NATURAL FENOSA manterá a operación das súas dúas distribuidoras de electricidade en Panamá (Edemet e Edechi) por un novo período de 15 anos tras a adxudicación da Autoridade Nacional dos Servizos Públicos (ASEP) panameña o pasado mes de agosto. Ambas as dúas sociedades son responsables da distribución de arredor do 65% do mercado eléctrico do país e contan con máis de 500.000 clientes.

O negocio de distribución de Colombia achegou 241 millóns de euros de EBITDA ata o peche do exercicio, un 5,1% máis, sen considerar o efecto do tipo de cambio.

As vendas da actividade de distribución electricidade en América latina foron de 16.443 GWh, un 9% menos. Sen considerar o desinvestimento en Nicaragua, as vendas experimentarían un incremento do 5,8%, xerado polo crecemento da demanda tanto en Colombia (6,2%) coma en Panamá (4,6%).

A peche do exercicio, e en liña con anteriores trimestres, a cifra de clientes rexistrou unha caída do 21% debido á desconsolidación dos clientes do negocio de Nicaragua. Axustando este efecto, a devandita diminución reverte nunha variación positiva do 4%.

Distribución de electricidade en Moldavia

O EBITDA da actividade de distribución de electricidade en Moldavia alcanzou os 35 millóns de euros no exercicio 2013, en liña cos resultados da compañía no país en 2012.

As vendas da actividade de electricidade ascenderon a 2.541 GWh (+0,6%) e os puntos de subministración pecharon o ano en 846.000 (+1,2%).

Electricidade España

O EBITDA da actividade de electricidade en España (xeración, comercialización almacenista e retallista, e subministración de electricidade a tarifa de último recurso) foi de 789 millóns de euros, un 12,7% menos que no exercicio 2012. Este descenso veu motivado fundamentalmente polo impacto que as medidas fiscais e regulatorias, aprobadas na Lei 15/2012 e RDL 9/2013, tiveron sobre a xeración eléctrica.

O prezo medio ponderado do mercado diario do último trimestre do ano foi de 53,81 €/MWh, 2,8 €/MWh superior ao do trimestre anterior e 9,35 €/MWh por enriba do mesmo trimestre do exercicio 2012.

A produción de enerxía eléctrica foi de 33.785 GWh, un 9% menos que no mesmo período de 2012. Desa cifra, 30.744 GWh corresponden a xeración en Réxime Ordinario (-10,7%), mentres que a xeración en Réxime Especial sumou 3.041 GWh (+11,8%).

A cota acumulada de GAS NATURAL FENOSA en xeración de electricidade en Réxime Ordinario situouse no 20,6%, semellante ao 20,7% de final do ano 2012.

A produción hidráulica situouse en 4.434 GWh durante o ano, practicamente o triplo que a realizada en 2012, debido principalmente ás grandes achegas ao inicio do ano. Pola súa banda, a produción nuclear diminuíu un 3,3%, ata os 4.287 GWh.

A produción dos ciclos combinados de Gas Natural Fenosa foi de 16.593 GWh, un 19,5% menos que no exercicio anterior.

A produción térmica con carbón alcanzou os 5.430 GWh, fronte aos 7.724 GWh de 2012 (-29,7%). A aplicación do Real decreto de Garantía de Subministración supuxo en 2013 unha produción con carbón nacional de 1.878 GWh para GAS NATURAL FENOSA.

As vendas de electricidade, que inclúen a comercialización no mercado liberalizado e de último recurso (TUR), alcanzaron, a peche do ano, os 33 TWh, un 8,3% menos. As cifras da carteira de comercialización eléctrica son acordes ao posicionamento de maximización de marxes, á optimización de cota e ao grao de cobertura que GAS NATURAL FENOSA desexa ter fronte ás variacións de prezo do mercado eléctrico.

Gas Natural Fenosa Renovables

Gas Natural Fenosa Renovables pechou o exercicio cunha potencia instalada en operación de 1.147 MW, dos cales 967 MW corresponden a tecnoloxía eólica, 72 MW a coxeración e 108 MW a minihidráulica.

O EBITDA situouse en 152 millóns de euros, un 1,9% menos. Este descenso veu provocado pola entrada en vigor de distintas disposicións regulatorias (Lei 15/2012, RDL 2/2013 e RDL 9/2013) que incidiron nos resultados económicos das empresas con tecnoloxías en réxime especial.

A produción durante o exercicio ascendeu a 3.041 GWh, un 11,8% superior á do ano 2012, debido fundamentalmente a unha maior produción eólica e minihidráulica. Así mesmo, en 2013 finalizaron os traballos de construción dos proxectos minihidraúlicos de Peares II e Belesar II, ambos os dous en Galicia, e iniciaron a súa operación comercial a finais de 2013.

Electricidade América latina

O EBITDA do negocio de electricidade en América latina, achegado polos activos de xeración en México, Porto Rico, Costa Rica, Panamá e República Dominicana, ascendeu 275 millóns de euros a peche do exercicio, un 5,4% máis.

A enerxía producida en América latina foi de 19.414 GWh, un 5,2% máis que no mesmo período do ano anterior.

Gas: Infraestruturas

O EBITDA da actividade de infraestruturas, que inclúe a operación do gasoduto Magreb-Europa, a xestión do transporte marítimo, o desenvolvemento dos proxectos integrados de gas natural licuado (GNL) e a exploración, desenvolvemento, produción e almacenamento de hidrocarburos, elevouse a 258 millóns de euros, un 14,7% máis que en 2012, debido principalmente ao incremento da tarifa de transporte internacional do gasoduto Magreb-Europa en 2013 e á optimización loxística da frota.

A 31 de decembro, a actividade de transporte de gas desenvolvida en Marrocos a través das sociedades EMPL e Metragaz, sumou un volume total de 122.804 GWh, un 5,5% máis que en 2012 por un maior volume de gas vehiculado durante o ano a España para cubrir a demanda do mercado. Desta cifra, 84.781 GWh (+6,7%) foron transportados para GAS NATURAL FENOSA a través da sociedade Sagane, e 38.023 GWh (+3,1%) para Portugal e Marrocos.

Gas: Aprovisionamento e comercialización

O EBITDA da actividade mundial de aprovisionamento e comercialización de gas ascendeu en 2013 863 millóns de euros, cun aumento do 17,3% respecto a 2012.

Este incremento do EBITDA, nun contexto de significativa volatilidade nos mercados enerxéticos e de divisas, explícase pola actividade no exterior, así como pola diversificación da carteira de commodities e a xestión conxunta do risco de commodity e dólar.

A 31 de decembro, o gas comercializado no mercado español alcanzou os 229.419 GWh, un 3,8% menos, debido fundamentalmente ao menor consumo dos ciclos combinados.

Gas Natural Europe, filial de comercialización en Europa, conta actualmente en Francia con 2.798 puntos de subministración, que equivale a unha carteira de 23,3 TWh anuais. A filial dispón de 569 clientes en Bélxica e Luxemburgo, que representan unha carteira contratada de 6,7 TWh anuais. En Holanda, a compañía aumentou a súa posición con 309 puntos de subministración en 2013 (5,4 TWh de carteira), e en Alemaña, onde empezou a actividade a finais do ano 2012, xa conta con 97 puntos de subministración e unha carteira de 1 TWh.

En Italia, Gas Natural Vendita conseguiu unha carteira contratada no mercado almacenista de 4 TWh/ano a peche do exercicio 2013.

No mercado portugués, GAS NATURAL FENOSA continuou a súa consolidación como primeiro operador estranxeiro en comercialización de gas almacenista, cunha carteira de contratos industriais de 5,5 TWh/ano. A compañía pechou o exercicio cunha cota de mercado do 13% que, segundo o Ente Regulador portugués (ERSE), a converte no segundo operador do país.

No mercado exterior, destaca o incremento da diversificación de mercados, con vendas de gas en América e Asia (Xapón, India e Corea). A compañía consolida a súa presenza nos principais mercados internacionais de GNL cunha posición a medio prazo en países en crecemento ou líderes no mercado do gas natural licuado.

Neste sentido, GAS NATURAL FENOSA subscribiu un contrato coa empresa enerxética surcoreana Kogas polo que lle subministrará entre 1 e 1,5 bcm de gas natural licuado (GNL) durante os dous próximos anos. Este acordo consolida a posición da multinacional española como operador global de GNL e reforza o seu crecemento en Asia.

No mercado retallista, a compañía alcanzou en España 11,2 millóns de contratos activos de gas, electricidade e servizos a peche do ano. Neste período a compañía conseguiu activar 1,7 millóns de novos contratos no mercado residencial e máis de 114.000 no mercado da pequena e mediana empresa. Este desempeño fixo crecer a carteira de contratos no segmento retallista nun 6% en termos homoxéneos respecto a peche do exercicio 2012.

Por outra banda, superouse a cifra de 1,3 millóns de fogares que contan con subministración conxunta de gas e electricidade por parte de GAS NATURAL FENOSA, e superouse a cifra de 2,2 millóns de contratos activos de servizos de mantemento.

Unión Fenosa Gas

O EBITDA de Unión Fenosa Gas, participada ao 50% por GAS NATURAL FENOSA, achegou 123 millóns de euros nos resultados consolidados do grupo durante 2013. O gas subministrado (ao 50%) en España foi de 24.228 GWh durante todo o exercicio (-13%). Adicionalmente, xestionáronse 10.245 GWh de enerxía en operacións de venda internacionais.

 Barcelona, 18 de febreiro de 2014.

Conta de resultados consolidada

(€ millóns) 2013 2012
Importe neto da cifra de negocios  24.969  24.904
Outros ingresos de explotación  253  284
Aprovisionamentos  -17.228  -17.309
Gastos de persoal  -861  -871
Tributos  -523  -285
Outros gastos de explotación  -1.525  -1.643
EBITDA  5.085  5.080
Outros resultados  11  20
Amortizacións e perdas por deterioración  -1.907  -1.798
Dotación a provisións  -226  -235
RESULTADO DE EXPLOTACIÓN  2.963  3.067
Resultado financeiro  -838  -874
Resultado alienación instrumentos financeiros  -  -
Resultado de entidades método participación  7  10
RESULTADO ANTES DE IMPOSTOS  2.132  2.203
Imposto sobre beneficios  -468  -546
Xuros minoritarios  -219  -216
RESULTADO ATRIBUÍBLE AO GRUPO  1.445  1.441

 

Balance de situación consolidado

(€ millóns) 31/12/13 31/12/12
Activo non corrente-  34.260  35.191
Inmobilizado intanxible  10.245  10.764
Inmobilizado material  21.411  22.308
Investimentos método participación  96  100
Activos financeiros non correntes  1.457  983
Activos por imposto diferido  1.051  1.036
Activo corrente-  10.685  11.696
Existencias  864  897
Debedores comerciais e outras contas a cobrar  5.316  5.106
Outros activos financeiros correntes  253  1.259
Efectivo e medios líquidos equivalentes  4.252  4.434
TOTAL ACTIVO  44.945  46.887

(€ millóns) 31/12/13 31/12/12
Patrimonio neto-  15.010  14.879
Patrimonio neto atribuído á entidade dominante  13.444  13.261
Xuros minoritarios  1.566  1.618
Pasivo non corrente- 21.408  24.111
Ingresos diferidos  932  878
Provisións non correntes  1.564  1.665
Pasivos financeiros non correntes  15.508  18.046
Pasivos por imposto diferido  2.562  2.688
Outros pasivos non correntes  842  834
Pasivo corrente-  8.527  7.897
Provisións correntes  134  144
Pasivos financeiros correntes  3.403  2.386
Acredores comerciais e outras contas a pagar  4.230  4.560
Outros pasivos correntes  760  807
TOTAL PASIVO E PATRIMONIO NETO  44.945  46.887

 

Principais magnitudes físicas consolidadas

Actividade de distribución Europa

  2013  2012 
 Distribución gas:      
Vendas - ATR (GWh)   194.975 199.416  -2,2
 Puntos de subministración, en miles (31/12)  5.627  5.573  1,0
Distribución electricidade:       
Vendas - ATR (GWh)   35.307  36.288  -2,7
 Puntos de subministración, en miles (31/12)  4.618  4.608  0,2
TIEPI en España (minutos)    47  33  42,4

Actividade de gas

  2013 2012 %
Subministración de gas (GWh): 326.923 328.058 -0,3
Comercialización España 229.419 238.450 -3,8
Comercialización retallista Italia 2.992 2.844 5,2
Resto vendas de gas 94.512 86.764 8,9
UF Gas (GWh):1      
Comercialización España 24.228 27.842 -13,0
Resto vendas de gas 10.245 14.100 -27,3
Transporte de gas - EMPL (GWh) 122.804 116.347 5,5

 

1 Magnitudes ao 50%

Actividade de electricidade

  2013 2012 %
Enerxía eléctrica producida (GWh):  34.342  37.790  -9,1
España:  33.785  37.144  -9,0
Réxime ordinario:  30.744  34.425  -10,7
Hidráulica  4.434  1.665  -
Nuclear  4.287  4.434  -3,3
Carbón  5.430  7.724  -29,7
Ciclos combinados  16.593  20.602  -19,5
Réxime especial  3.041  2.719  11,8
Internacional (Kenya)  557  646  -13,8
Capacidade de xeración eléctrica (MW):  12.840  12.939  -0,8
España:  12.728  12.827  -0,8
Réxime ordinario:  11.581  11.714  -1,1
Hidráulica  1.914  1.907  0,4
Nuclear  604  604  -
Carbón  2.065  2.048  0,8
Fuel - gas  -  157  -
Ciclos combinados  6.998  6.998  -
Réxime especial  1.147  1.113  3,1
Internacional (Kenya)  112  112  -

Actividade en América latina

  2013 2012 %
Distribución, vendas - ATR (Gwh):  246.276  228.432  7,8
Gas  229.833  210.358  9,3
Electricidade  16.443  18.074  -9,0
Puntos de subministración, en miles (31/12):  9.246  9.791  -5,6
Gas  6.321  6.090  3,8
Electricidade  2.925  3.701  -21,0
Capacidade de xeración eléctrica (MW):  2.580  2.580  -
México (CC)  2.035  2.035  -
Porto Rico (CC)2  263  263  -
Costa Rica (hidráulica)  51  51  -
Panamá (hidráulica)  22  22  -
Panamá (fuel)  11  11  -
República Dominicana (fuel)  198  198  -
Enerxía eléctrica producida (GWh):  19.414  18.458  5,2
México (CC)  16.193  15.172  6,7
Porto Rico (CC)2  1.787  1.779  0,4
Costa Rica (hidráulica)  239  270  -11,5
Panamá (hidráulica)  81  100  -19,0
Panamá (fuel)  17  8  -
República Dominicana (fuel)  1.097  1.129  -2,8

 

 2Magnitudes ao 50%