A Fundación Gas Natural Fenosa mostra na Coruña a evolución do discurso publicitario da compañía a través de pezas do seu fondo histórico

Data
21-02-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Unha exposición inaugurada hoxe na sede do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) explica, a través da historia da publicidade e do deseño gráfico, a evolución da multinacional, que recentemente cumpriu o 170 aniversario da súa creación.

  • A exposición foi comisariada e producida polo Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa, un equipamento cultural especializado en patrimonio industrial e enerxía.
  • Algunhas das pezas orixinais expostas son reflexo da historia da empresa en Galicia.

O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà e o delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer, inauguraron hoxe na sede do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) na Coruña, a exposición 'Publicidad para una historia.170 años de compañía' (Publicidade para unha historia. 170 anos de compañía).

A mostra, comisariada e producida polo Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa, presenta unha recompilación da publicidade de GAS NATURAL FENOSA dende o seu nacemento en 1843, que permite reconstruír a orixe, a historia e a filosofía da compañía e repasar a evolución da publicidade e a transformación da sociedade.

A exposición, que estará aberta ao público ata o próximo 6 de abril de 2014, pretende dar a coñecer de xeito lúdico e gráfico universos de recordos e curiosidades que permiten reconstruír e contar a orixe e evolución de GAS NATURAL FENOSA, así como a historia tecnolóxica, económica e social do noso país.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou o vínculo de Gas Natural Fenosa coa historia industrial de Galicia, reflectido na exposición 'Publicidad para una historia.170 años de compañía' (Publicidade para unha historia. 170 anos de compañía).

Publicidade para a historia galega da compañía

A través dunha selección de pezas e de fondos documentais, o Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa ofrece, a través desta mostra, un percorrido pola publicidade da compañía. As campañas de comunicación ―de natureza efémera― convertéronse en obras dun alto valor histórico e artístico. Algunhas das pezas expostas son ademais reflexo da historia da empresa en Galicia, dende os primeiros pasos da industria do gas en Galicia, a mediados do século XIX, coa posta en marcha das fábricas do gas nas principais localidades galegas, pasando por unha selección de noticiarios do NODO onde se fala da actividade industrial relacionada co sector da enerxía en Galicia, ata a historia máis recente da compañía coa integración de Unión Fenosa e Gas Natural.

Fundación GAS NATURAL FENOSA e o seu Museo do Gas

A Fundación GAS NATURAL FENOSA, fundada en 1992, orienta as súas actividades á sensibilización e a educación ambiental, arredor da enerxía e o medio ambiente e promove actividades culturais orientadas á preservación e a difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. Así mesmo, desenvolve accións de ámbito internacional en diferentes países de América latina e no Magreb.

Cun enfoque plural e interdisciplinario, o Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa, inaugurado en 2012 en Sabadell (Barcelona), dispón dun programa cultural rico para todos os públicos e que se desenvolve ao longo de todos os días do ano. Por iso, combina as súas tarefas de difusión do patrimonio industrial dos sectores do gas e da electricidade e a organización de exposicións, con conferencias, un programa educativo para escolas, actividades para maiores e pequenos, ciclos de cine e música e tamén coa edición de publicacións especializadas.

O Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa, herdeiro dos 170 anos de historia da compañía, propón un percorrido polos cambios sociais e económicos acontecidos durante os séculos XIX e XX, grazas á evolución da tecnoloxía desenvolvida por empresas líderes como Gas Natural Fenosa.

O Arquivo Histórico da Fundación Gas Natural Fenosa, preservado polo Museo do Gas, reúne máis de 3.000 metros de estantes catalogados e é un dos arquivos de empresa máis significativos do país. Trátase dun centro especializado de referencia, capaz de contar a nosa historia industrial a través dos documentos que conserva.

A Coruña, 21 de febreiro de 2014.

 

Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

Avenida de Arteixo, 171 - A Coruña

De martes a sábado, de 11 a 14 e de 17 a 21.30 h. Domingos e festivos de 11 a 14 horas. Luns pechado

 

Ficheiros relacionados