Gas Natural Fenosa será patrocinador oficial da exposición "Auga doce" da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela

Data
20-03-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A multinacional enerxética apoia este proxecto expositivo que contribúe á difusión de valores vinculados ao respecto ambiental e á xestión sostible dos recursos hídricos.

  • A mostra 'Auga Doce', que se inaugurou o 21 de marzo, permitirá que o público contemple obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.

GAS NATURAL FENOSA será patrocinador oficial da nova exposición 'Auga Doce' da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que abriu as súas portas no Museo Centro Gaiás. A compañía enerxética aposta por este proxecto expositivo que contribúe á difusión de valores vinculados ao respecto ambiental e á xestión sostible dos recursos hídricos.

A través deste patrocinio, a compañía enerxética colabora co VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), que ten a consideración de "acontecemento de excepcional interese público" e que inclúe un extenso programa de eventos culturais, como esta exposición na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Gas Natural Fenosa colabora, deste xeito, nun evento que constitúe unha manifestación de intercambio notorio de valores humanos e representa un testemuño excepcional da tradición cultural europea, vinculado a tradicións vivas, ideas ou crenzas de importancia e significación universal.

Unha exposición única que reúne grandes artistas

A mostra 'Auga Doce' inaugurouse no Museo Centro Gaiás como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée d'Orsay, o Raíña Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.

A través de grandes nomes da arte como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgeois, Martín Chirino ou Chema Madoz, a exposición invita ao visitante a achegarse a un elemento tan definidor da identidade de Galicia como é a auga doce.

Coa sinatura deste acordo de colaboración, GAS NATURAL FENOSA mantén o seu compromiso de contribuír ao desenvolvemento da sociedade galega, máis alá da súa actividade empresarial, grazas a un amplo labor de patrocinio en iniciativas que xeran un alto valor para a sociedade.

A Coruña, 20 de marzo de 2014

Ficheiros relacionados