O MAC inaugura hoxe a "13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa", que fai 25 anos nesta edición

Data
29-07-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A exposición, que recolle 50 obras seleccionadas polo xurado do certame, poderase visitar ata o próximo 26 de outubro.

  • GAS NATURAL FENOSA convoca este certame bienal de arte dende o ano 1989 co propósito de promover e dar visibilidade aos novos valores artísticos.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) inaugura hoxe a 13ª edición da bienal de arte contemporánea Mostra Internacional Gas Natural Fenosa, que este ano fai o seu 25º aniversario. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, o delegado xeral de Galicia de GAS NATURAL FENOSA, Manuel Fernández Pellicer, o presidente do Xurado da Mostra, Antón Castro, e a directora do MAC, Carmen Fernández Rivera, entregarán esta tarde os premios aos gañadores do certame.

A exposición 13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa reúne un total de 50 obras, das cales 42 son de artistas españois (15 galegos), e 8 doutras nacionalidades, seleccionadas polo xurado de entre as 602 presentadas, de artistas procedentes de 29 países distintos. A mostra permanecerá aberta ao público no espazo expositivo do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa en A Coruña ata o próximo 26 de outubro.

Trece edicións en 25 anos avalan a Mostra Internacional Gas Natural Fenosa como un referente internacional e unha plataforma para novos valores do mundo da arte, así como un espazo de arte consolidada e recoñecida polos artistas, a crítica e o público. Ao longo da súa historia, a Mostra foi ampliando os seus límites artísticos e xeográficos, seguindo o ritmo das tendencias artísticas contemporáneas. No conxunto das súas trece convocatorias, presentáronse máis de 8.000 propostas de artistas españois e estranxeiros e GAS NATURAL FENOSA adquiriu preto de 200 obras que forman parte dos fondos da súa Colección de Arte Contemporánea.

Premios da 13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa

O xurado da 13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa, presidido por Antón Castro Fernández, e con Ángela Molina como vogal e Alicia Fernández como secretaria, decidiu por unanimidade, de acordo coas bases da convocatoria, outorgar os premios ás seguintes obras:

  • Primeiro premio, dotado con 15.000 euros, para Lois Patiño (Vigo, Pontevedra, 1983) pola obra Montaña en sombra.
  • Segundo premio, dotado con 10.000 euros, para Iñaki Gracenea (Hondarribia, Guipúscoa, 1972) pola obra Cahiers des fleurs-jxa.
  • Terceiro premio, dotado con 7.000 euros, para José Ramón Ais (Bilbao, Biscaia, 1971) pola obra Parque natural 2.

Por outro lado, como nas anteriores edicións do certame, o Concello da Coruña convocou ademais o Premio Julián Trincado, dotado con 6.750 euros, á mellor obra de autor galego presentada na 13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa, que recaeu en Álvaro Negro (Lalín, Pontevedra, 1973) pola obra Estela II.

25 anos de enerxía creativa

Con motivo do 25º aniversario da Mostra Internacional Gas Natural Fenosa, a compañía enerxética, a través do seu Museo de Arte Contemporánea, desenvolve o Proxecto 25 anos de Enerxía Creativa, co obxectivo de afianzar o compromiso da compañía na promoción da formación, produción, profesionalización e internacionalización do sector cultural e creativo de Galicia.

O apoio aos creadores galegos e a incentivación da produción artística, foi durante os últimos anos tan importante para o MAC como a propia actividade expositiva ou a programación de actividades para o público xeral. O Museo quere seguir incentivando a produción artística local, contribuír á promoción dos creadores galegos e promover a mobilidade internacional e intercambio de artistas e outros profesionais da cultura, entre outras actividades. Neste sentido, o MAC inicia un novo programa de apoio ao sector cultural e artístico galego, con especial atención á educación artística dos nenos e adolescentes da Comunidade.

Compromiso coa sociedade e co sector cultural de Galicia

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) é un centro multidisciplinar de cultura contemporánea, un espazo dinámico, flexible e aberto, que combina a actividade expositiva coa integración e participación cidadá, co fin de estimular a creación artística dentro de todos os ámbitos culturais.

Ao longo dos anos, o MAC consolidouse non só como sede expositiva, senón tamén como un lugar de encontro para artistas, afeccionados e público, ofrecendo un amplo programa de actividades culturais, educativas, sociais e artísticas que inclúen exposicións temporais, ciclos de conferencias, talleres para escolares e para profesionais. Destaca tamén a ampla actividade do museo no campo da acción social, cun singular programa de participación social a través da arte contemporánea dirixida a persoas con discapacidade.

A Coruña, 28 de xullo de 2014.