Gas Natural Fenosa presentará no Festival de Sitges unha curtametraxe de Rodrigo Cortés producida pola compañía

Data
29-07-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A compañía enerxética asinou un novo acordo co Festival que a converte en patrocinadora oficial do certame por terceira vez consecutiva, continuando así o seu apoio á industria do cine.

GAS NATURAL FENOSA estará presente un ano máis no Sitges - Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña, que terá lugar do 3 ao 12 de outubro, onde ten previsto presentar a curtametraxe "1.58", dirixida polo coñecido director Rodrigo Cortés, que foi producida pola compañía no marco dun novidoso proxecto chamado Cinergía, que busca achegar a eficiencia enerxética ao gran público e fomentar o talento na industria cinematográfica do noso país.

Ademais, GAS NATURAL FENOSA asinou un novo acordo co Festival que a converte en patrocinadora oficial do certame por terceira vez consecutiva, continuando así o seu apoio á industria do cine.

Cinergía representa o salto á produción cinematográfica de GAS NATURAL FENOSA, que seleccionou catro recoñecidos directores españois -Paco Plaza, Rodrigo Cortés, Jaume Balagueró e Juan Cruz- que gozan dunha gran popularidade entre o público, para dirixir catro curtametraxes vinculadas á eficiencia enerxética e aos produtos e servizos da compañía.

As curtAs, que se estrearán nos principais festivais do país, chegarán ata as salas de cine e os fogares de miles de españois. Trátase de catro historias de xénero fantástico e suspense, sen perder de vista o humor, e están protagonizadas por algúns dos actores máis recoñecidos do panorama nacional, como Terele Pávez, José Coronado, Maribel Verdú, Fele Martínez e Julián Villagrán. Cada relato está relacionado cun aspecto da enerxía eficiente: mantemento de equipos, eficiencia no fogar, eficiencia no traballo e mobilidade sostible.

"1.58", unha curtametraxe protagonizada por Manuela Vellés

Concretamente, a curtametraxe que se presentará en Sitges, "1.58", é unha produción con aires de suspense e terror protagonizada por Manuela Vellés, coa colaboración especial de Gabino Diego e a xornalista Julia Otero, que ofrece ao espectador diferentes claves sobre unha condución eficiente, a través da historia dunha rapaza que conduce de noite dun xeito descoidado, ata que un grupo de misteriosos asaltantes lle causarán serios problemas.

Durante o Festival, ademais, a compañía dispoñerá dun espazo propio onde mostrará como é unha casa eficiente, difundirá consellos de eficiencia enerxética e organizará actividades para o público infantil.

O Sitges - Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña é unha das principais citas cinematográficas de Cataluña e ineludible no circuíto internacional. O apoio de GAS NATURAL FENOSA ao certame, que empezou en 2010, enmárcase na súa campaña No cine como na casa, e é froito do compromiso social da compañía enerxética, fortemente vinculada empresarialmente con Cataluña.

Sitges é o primeiro festival de cine fantástico do mundo e unha das manifestacións culturais con máis repercusión mediática do país. Iniciado en 1968 como a 1ª Semana Internacional de Cine Fantástico e de Terror, o Festival converteuse nunha cita internacional ineludible para os cinéfilos e para todos os espectadores que queren ver as últimas tendencias e as novas tecnoloxías aplicadas ao cine e á produción audiovisual.

Compromiso coa cultura e o cine

GAS NATURAL FENOSA mantén un compromiso de colaboración coa sociedade e en especial co mundo do cine, a través do seu apoio aos principais festivais e ás salas de proxección do país. A compañía patrocina, entre outros, o Festival de Cine de San Sebastián-Zinemaldia, o Festival de Cine de Málaga e o Festival Internacional de Cine de Cartexena, así como 43 salas de cine da rede Cinesa en España que levan o nome de Gas Natural Fenosa.

Este verán, organiza en colaboración coa Academia de Cine a terceira edición do Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante, que achegará o mellor cine español de forma gratuíta a dez municipios de todo o territorio e que por primeira vez chegará a varios municipios de Galicia.

Co seu apoio ao mundo do cine, GAS NATURAL FENOSA colabora cunha das industrias que máis se viron afectadas pola crise, especialmente no caso dos festivais, que sufriron fortes recortes nas súas fontes de financiamento nos últimos anos.

 

Barcelona, 29 de xullo de 2014.

Ficheiros relacionados