A Fundación Gas Natural Fenosa e ACCIÓ impulsarán conxuntamente as exportacións das pequenas e medianas empresas catalás

Data
30-07-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Ambas as dúas entidades colaborarán no impulso da internacionalización das pemes e promoverán conxuntamente os servizos de fomento e asesoramento da exportación entre as pequenas e medianas empresas en Cataluña.

O director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, e o conselleiro delegado de ACCIÓ, a axencia para a competitividade da empresa do Departamento de Empresa e Ocupación da Generalitat de Cataluña, Joan Tarradellas, asinaron un convenio mediante o que ambas as dúas entidades colaborarán para axudar as pequenas e medianas empresas catalás a iniciar as súas exportacións.

En virtude deste acordo, a Fundación Gas Natural Fenosa e ACCIÓ realizarán actos formativos e de fomento da internacionalización das pemes e promoverán conxuntamente os servizos de fomento e asesoramento da exportación entre as pequenas e medianas empresas en Cataluña.

Este convenio enmárcase no Programa Primeira Exportación da Fundación Gas Natural Fenosa, que ten por obxectivo formar e asesorar gratuitamente as pemes que queiran facer a súa primeira exportación. A iniciativa céntrase en acompañar as pemes a dar os seus primeiros pasos no ámbito da exportación en calquera parte do mundo, a través dun completo plan de formación gratuíto e continuo que inclúe sesións formativas presenciais e en liña, asesoramento e titorías personalizadas a través das que os participantes adquiran coñecementos en temas como a mercadotecnia internacional, a xestión empresarial e a formación de prezos, entre outros.

O programa que a Fundación Gas Natural Fenosa creou en 2001 en Arxentina implantouse este ano por primeira vez en España. Para participar no programa, as empresas interesadas teñen que achegar un CIF e inscribirse no programa a través da web www.fundaciongasnaturalfenosa.org

ACCIÓ ofrece ás empresas catalás diversos programas para iniciarse na exportación. Durante o último ano, participaron preto de 330 pemes, a metade das cales incorporaron ao finalizar o programa unha persoa do departamento de exportación. O 67% dos mercados de destino prospectados eran europeos (Francia, Alemaña, Reino Unido e Italia, entre outros). O número de pedidos recibidos do estranxeiro aumentou un 103% durante a participación no programa e as exportacións por empresa incrementáronse en 36.500 €. ACCIÓ abriu ata o 18 de decembro novas convocatorias para os programas Empresa Exporta e Iniciación á Exportación: http://accio.gencat.cat/comenca-exportar.

Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do ambiente, e promove actividades culturais a través do seu Museo do Gas, dirixidas á preservación e difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. As súas actividades internacionais desenvólvense en Alxeria, Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, México, Marrocos, Italia e Moldavia.

 

Barcelona, 30 de xullo de 2014.

Ficheiros relacionados