O MAC inaugura a exposición itinerante "ICAL, 25 anos en imaxes", un percorrido visual pola historia recente de Castela e Léon

Data
04-09-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A mostra fotográfica, que recolle 32 instantáneas seleccionadas do arquivo da Axencia de noticias de Castela e León - ICAL, poderase visitar ata o vindeiro día 14 de setembro no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa.

  • A exposición, que se enmarca nos actos conmemorativos do 25 aniversario da Axencia ICAL, pretende contribuír á posta en valor da fotografía xornalística como recurso artístico de primeira orde.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) acolle dende hoxe a exposición ICAL, 25 anos en imaxes, unha selección de fotografías de prensa realizadas durante este primeiro cuarto de século de vida da Axencia de Noticias de Castela e León - ICAL.

Esta mostra fotográfica ofrece un punto de vista diferente do traballo do reporteiro gráfico, ao extraer a imaxe captada cunha finalidade xornalística deste contexto informativo e ao propiciar, deste modo, unha reflexión sobre a ollada subxectiva do profesional.

O conselleiro da presidencia da Xunta de Castela e León, José Antonio de Santiago-Juárez, o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e o concelleiro de Economía, Facenda e Concesións do Concello da Coruña, Roberto Coira, inauguraron a exposición.

Asistiron, ademais, o conselleiro delegado do Grupo Promecal, Gregorio Méndez, e o director da Axencia ICAL, Luis Miguel Torres, e o delegado xeral de GAS NATURAL FENOSA en Galicia, Manuel Fernández Pellicer.

A mostra, que se organiza en pares de fotografías que permiten un diálogo estético e conceptual, trata de extraer esas imaxes do contexto informativo para o que, de forma efémera, foron seleccionadas e exhibidas ante a opinión pública, para elevalas, agora, a unha dimensión artística. Esta consideración sobre os puntos de vista da imaxe fotográfica é o eixe sobre o que se creou a narración desta exposición composta por 32 instantáneas seleccionadas das preto de 300.000 que conforman o arquivo da Axencia ICAL.

A exposición, que estará aberta ao público ata o vindeiro 14 de setembro, foi dirixida na súa faceta artística polo editor gráfico da Axencia ICAL, Eduardo Margareto, e contou coa colaboración de GAS NATURAL FENOSA, a Xunta de Castela e León, Renfe e a Obra Social 'la Caixa'.

ICAL, 25 anos contando historias

A fotografía de prensa é, indefectiblemente, subxectiva, mesmo dentro do contexto informativo. E éo porque tras a imaxe hai unha percepción persoal do propio profesional, quen asume o encargo concreto da redacción ou capta un feito imprevisto sen que nese preciso momento haxa ningunha outra persoa ou indicación. Só está el fronte á realidade. As imaxes dunha reportaxe, pero tamén as que sosteñen a forza comunicativa dunha noticia, son fragmentos creativos dun fotógrafo. Constitúen olladas persoais a unha mesma existencia, pero vista dende distintos ángulos.

A proposta expositiva de ICAL, 25 anos en imaxes supón a descrición creativa dunha realidade despoxada dos condicionamentos do carácter inmediato que esixe a actividade xornalística e o vórtice informativo cotiá.

ICAL constitúe hoxe a axencia de noticias máis importante de Castela e León. É un provedor de contidos informativos, fotografías e infografías, de referencia desta Comunidade, cunha estrutura caracterizada por unha forte presenza no territorio. Con motivo do seu 25 aniversario, a Axencia quixo renovar o seu compromiso social co desenvolvemento de varias iniciativas. Así, ICAL deseñou unha serie de exposicións de fotografía que están a percorrer varias localidades de España, e que agora se presenta no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) na Coruña.

Sobre o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) é un centro multidisciplinar de cultura contemporánea con proxección nacional e internacional.Un espazo dinámico, flexible e aberto, que combina a actividade expositiva coa integración e participación cidadá, co fin de estimular a creación artística dentro de todos os ámbitos culturais.O MAC quere ser a expresión do compromiso que mantén a multinacional enerxética coa sociedade, en áreas de educación, xuventude, benestar social, arte, cultura e investigación, alén da súa actividade empresarial. Neste sentido, o MAC é, ademais, un elemento diferenciador e xerador de identidade para a compañía.

Ao longo dos últimos anos, o MAC consolidouse non só como sede expositiva, senón tamén como un lugar de encontro para artistas, afeccionados e público, ofrecendo un amplo programa de actividades culturais, educativas, sociais e artísticas que inclúen exposicións temporais, ciclos de conferencias, obradoiros para escolares e para profesionais.Destaca tamén a ampla actividade do museo no campo da acción social, cun singular programa de participación social a través da arte contemporánea dirixida a persoas con discapacidade.

A Coruña, 3 de setembro de 2014.

Ficheiros relacionados