A Fundación Gas Natural Fenosa e Aragón Exterior impulsarán conxuntamente as exportacións das PEME aragonesas

Data
17-09-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Ambas as dúas entidades colaborarán no impulso da internacionalización das pemes e promoverán conxuntamente os servizos de fomento e asesoramento da exportación entre as pequenas e medianas empresas en Aragón.

  • A Fundación Gas Natural Fenosa é a cuarta entidade que se incorpora ao Programa de Empresas Tractoras posto en marcha por Aragón Exterior.


O director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, e o conselleiro de Economía e Emprego do Goberno de Aragón, Francisco Bono, asinaron un convenio mediante o cal ambas as dúas entidades colaborarán para axudar ás pequenas e medianas empresas aragonesas a iniciar as súas exportacións.

En virtude deste acordo, a Fundación Gas Natural Fenosa e Aragón Exterior -empresa pública da Comunidade Autónoma de Aragón-, realizarán actos formativos e de fomento da internacionalización das pemes e promoverán conxuntamente os servizos de fomento e asesoramento da exportación entre as pequenas e medianas empresas da Comunidade Autónoma de Aragón.

Este convenio enmárcase no Programa Primeira Exportación da Fundación Gas Natural Fenosa, que ten por obxectivo formar e asesorar gratuitamente as pemes que queiran facer a súa primeira exportación. A iniciativa céntrase en acompañar as pemes a dar os seus primeiros pasos no ámbito da exportación en calquera parte do mundo, a través dun completo plan de formación gratuíto e continuo que inclúe sesións formativas presenciais e en liña, asesoramento e titorías personalizadas a través das que os participantes adquiran coñecementos en temas como a mercadotecnia internacional, a xestión empresarial e a formación de prezos, entre outros.

O programa que a Fundación Gas Natural Fenosa creou en 2001 en Arxentina implantouse este ano por primeira vez en España. Para participar no programa, as empresas interesadas teñen que achegar un CIF e inscribirse no programa a través da páxina web www.fundaciongasnaturalfenosa.org.

Programa de Empresas Tractoras de Aragón Exterior

O programa Arex Network no que se encadra o de Empresas Tractoras está a servir para que as grandes compañías con experiencia e éxito internacional apoien e aconsellen ás PEME que queren saír a vender fóra, pero tamén para mostrar as oportunidades que estas grandes empresas ofrecen no seo dos seus correspondentes grupos internacionais.

A Fundación Gas Natural Fenosa é a cuarta entidade que se incorpora ao Programa de "Empresas Tractoras: multinacionais en proceso de expansión" no que xa participan grandes compañías implantadas en Aragón con intensa actividade internacional, nalgúns casos global, como General Motors, CEMEX e Yudigar. Tras case dous anos de actividade, máis de 400 empresas aragonesas se beneficiaron das vantaxes de Arex Network e da rede internacional de empresas e participaron nas súas actividades.

Aragón Exterior (AREX) é a empresa pública adscrita ao Departamento de Economía e Emprego do Goberno de Aragón, que promove a internacionalización das empresas aragonesas. A súa finalidade é atraer o investimento de empresas estranxeiras a Aragón e para iso leva a cabo a difusión das vantaxes do Goberno de Aragón como destino de investimento e actúa como interlocutor para facilitar os proxectos de implantación das empresas estranxeiras. Ademais, ofrece asesoramento e apoio individualizado a través da súa rede internacional de delegacións e consultoras locais en máis de 45 países.

Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do ambiente, e promove actividades culturais a través do seu Museo do Gas, dirixidas á preservación e difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. As súas actividades internacionais desenvólvense en Alxeria, Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, México, Marrocos, Italia e Moldavia.

 

Zaragoza, 17 de setembro de 2014.