A Fundación Gas Natural Fenosa facilita intercambios comerciais entre pemes españolas e arxentinas para fomentar as súas exportacións

Data
13-10-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Durante esta semana, 7 empresarios españois e 15 arxentinos realizarán un curso de comercio exterior na Barcelona School of Management da Universidade Pompeu Fabra, subvencionados pola Fundación Gas Natural Fenosa.

  • A Fundación organizará intercambios e acordos comerciais entre eles para fomentar o proceso de internacionalización das súas pemes.
  • Esta iniciativa forma parte do Programa Primeira Exportación da Fundación Gas Natural Fenosa, creado en 2001 en Arxentina e implantado este ano en España, onde xa conta con máis de 300 pemes inscritas.

A Fundación Gas Natural Fenosa organiza durante esta semana un encontro entre 7 empresarios españois e 15 empresarios arxentinos, co obxectivo de facilitar intercambios e acordos comerciais entre eles e fomentar así o proceso de internacionalización das súas pemes. Ademais, os empresarios realizarán un curso de comercio exterior na Barcelona School of Management da Universidade Pompeu Fabra, grazas a unha bolsa da Fundación Gas Natural Fenosa.

As empresas españolas participantes pertencen a diversos sectores produtivos: servizos de publicidade, consultoría relacionada coa xeoloxía e o medio, consultoría en proxectos científicos, industriais e tecnolóxicos, servizos profesionais de arquitectura, procesamento, tratamento, xestión e reciclaxe de aparatos e equipos eléctricos e electrónicos, e fabricación de alimentos para gandaría e avicultura.

Pola súa banda, as empresas arxentinas pertencen a sectores como a informática, mercadotecnia, iluminación intelixente, servizos para a industria do automóbil, consultoría, comercio de plantas ornamentais, produción agropecuaria, fabricación de tellados metálicos, de dispositivos médicos, de calzado deportivo, entre outros.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa Primeira Exportación da Fundación Gas Natural Fenosa, que ten como obxectivo facilitar a exportación ás pequenas e medianas empresas, mellorar a súa capacidade de asociarse e ofrecer formación, asesoramento e seguimento.

Este programa naceu en 2001 en Arxentina coa vontade de crear unha alternativa para poder afrontar a crise económica do país nese momento. Dende a creación do programa, permitiu a máis de 25.000 empresas recibir unha formación en comercio exterior e a 1.200 pemes arxentinas se converter en novas exportadoras.

Implantación en España

Avalada polo éxito en Arxentina, onde o programa se converteu nunha iniciativa recoñecida e valorada polo ámbito empresarial que lle fixo merecedora de 32 premios e diversas distincións, a Fundación decidiu este ano implantar o programa en España, onde xa conta con máis de 300 pemes inscritas e xa realizou 8 sesións formativas. Así mesmo, asinou acordos con diversas institucións para impulsar o programa no noso país, tales como a Cámara de Comercio de Barcelona, Aragón Exterior e a Axencia para a Competitividade da Empresa do Departamento de Empresa e Ocupación da Generalitat de Cataluña (ACCIÓ).

O Programa Primeira Exportación céntrase en acompañar ás pemes a dar os seus primeiros pasos no ámbito da exportación en calquera parte do mundo, a través dun completo plan de formación gratuíto e continuo que inclúe sesións formativas presenciais e en liña, asesoramento e titorías personalizadas a través das que os participantes adquiran coñecementos en temas como a mercadotecnia internacional, a xestión empresarial e a formación de prezos, entre outros. Para participar no programa, as empresas interesadas teñen que achegar un CIF e inscribirse no programa a través da páxina web www.fundaciongasnaturalfenosa.org e é totalmente gratuíto.

Viaxe de negocios de empresarios arxentinos

Este ano cúmprese a oitava edición da Viaxe de Capacitación e Negocios de empresarios arxentinos a España, no marco do Programa Primeira Exportación en Arxentina. Ata agora, participaron máis de 180 empresarios.

A semana de formación e negocios será clausurada o vindeiro venres coa participación do Cónsul Xeral da República Arxentina en Barcelona, Alejandro E. Alonso, o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, a directora xeral da Barcelona School of Management, Carme Martinell, a directora de Comunicación de Gas Natural Fenosa en Arxentina, Bettina Llapur, e o director do Programa de Primeira Exportación, Pablo Furnari.

A Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do medio, e promove actividades culturais a través do seu Museo do Gas, dirixidas á preservación e difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. As súas actividades internacionais desenvólvense en Alxeria, Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, México, Marrocos, Italia e Moldavia.


Barcelona, 13 de outubro de 2014.
 

Ficheiros relacionados