Gas Natural Fenosa e Sedigas logran para España a Secretaría Xeral da Unión Internacional do Gas (IGU)

Data
16-10-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

Lluís Bertrán, director de Planificación e Servizos polo Miúdo da multinacional enerxética española, exercerá de secretario xeral durante un período de seis anos, que se iniciará en 2016.

GAS NATURAL FENOSA e a Asociación Española do Gas (Sedigas) lograron que, por primeira vez, España acolla a sede da Secretaría da Unión Internacional do Gas (IGU, das súas siglas en inglés) e que un español asuma o cargo de secretario xeral.

O director de Planificación e Servizos polo Miúdo de GAS NATURAL FENOSA, Lluís Bertrán, foi elixido hoxe secretario xeral da IGU para o período 2016-2022, no transcurso da Asemblea Xeral da organización que se reúne estes días en Berlín. Dende a súa nova responsabilidade, Bertrán promoverá a expansión da industria do gas natural no mundo. A sede da IGU situarase en Barcelona, no edificio corporativo de GAS NATURAL FENOSA.

O nomeamento de Bertrán como secretario xeral farase efectivo en novembro de 2016, data na que tomará o relevo ao noruegués Pal Rasmussen. Ata ese momento, o directivo español ocupará o cargo de secretario xeral adxunto, baixo a actual presidencia francesa da IGU e a futura presidencia trienal norteamericana.

Lluís Bertrán (Torrelles de Foix, 1959) é enxeñeiro químico industrial e desenvolveu a súa carreira no sector gasista, sempre cun marcado carácter internacional. Traballou en México como director técnico responsable de deseño, construción e mantemento dos gasodutos de transporte e redes de distribución de GAS NATURAL FENOSA. De volta a España, ocupou o cargo de director de Xestión de Activos de Transporte e Distribución e foi nomeado posteriormente director xeral de Gas Natural Commercialisation France e director xeral de Gas Natural Europe. Na actualidade ocupa o cargo de director de Planificación e Servizos polo Miúdo.

Unión Internacional do Gas (IGU)

España forma parte da Unión Internacional do Gas dende 1951 a través de Sedigas. Recoñecida hoxe en día como a voceira da industria do gas en todo o mundo, a IGU é unha organización creada no ano 1931 co obxectivo de promover o progreso político, técnico e económico do gas natural. Nestes momentos, conta con 139 membros, asociacións e corporacións do gas de 90 países, que representan o 95% do mercado mundial, desta enerxía.


Barcelona, 16 de outubro de 2014