O MAC inaugura a exposición "A ventá e o espello, un repaso do hiperrealismo suxestivo da pintora alemá Karin Kneffel"

Data
17-10-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A mostra, que estará aberta ao público ata o vindeiro 8 de febreiro de 2015, presenta unha selección de 41 pinturas dos últimos anos da traxectoria da artista.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) inaugura hoxe a exposición A ventá e o espello da artista alemá Karin Kneffel (Marl, Alemaña, 1957), unha coidada selección de 41 espectaculares pinturas, que percorren os últimos anos da súa traxectoria artística, e dan fe da súa suxestiva arte e a súa obsesión verista polos detalles.

"A ventá e o espello" aborda principalmente o tema da ollada; ese papel da ollada voyeurista do observador perfílase con maior detalle nas obras, vistas dende o exterior a través de ventás e que amosan a privacidade do interior dunha casa, na arquitectura, inspirándose nas casas construídas por Mies van der Rohe, ou na propia natureza, pintando xardíns que se ven a través de cristais embazados e sobre os que debuxou co dedo ou esvaran gotas de chuvia.

Kneffel inclúe con certa frecuencia, nas súas obras máis recentes, fotogramas de longametraxes do cineasta Alfred Hitchcock, entre os que figuran The Man Who Knew Too Much, Sabotage ou Torn Curtain. Inspirada por Hitchcock, a artista realizou unha serie de seis cadros nos que logra crear unha atmosfera desacougante enmarcada na zona do Rhur, onde viviu a súa infancia.

A exposición, que estará aberta ao público ata o vindeiro 8 de febreiro de 2015, tamén inclúe unha revisión doutros dous grandes temas no traballo de Kneffel: as pinturas de froita e as pinturas de lume. Baixo esta última epígrafe acubíllase a peza máis antiga da exposición, que data de 1996. A selección tamén inclúe un grupo de pequenas pinturas con seres humanos, de 2005, e tres pequenas pezas de mariñeiros do ano 2003.

 

O hiperrealismo suxestivo de Karin Kneffel

Karin Kneffel é unha artista cuxa pintura, desacougante e capaz de sublimar a realidade que nos rodea, está marcada pola calidade técnica. O realismo, próximo ao hiperrealismo, sobresae na súa obra, que se achega conceptualmente ao mundo do barroco. Ao longo da súa traxectoria artística, Kneffel abordou temas propios da pintura costumista, con paisaxes, representacións de animais, bodegóns ou interiores, coa motivación de facer que o aparentemente familiar e cotián se converta en inédito a ollos do público. Partindo dun obxecto visible, transforma a súa realidade obxectiva nunha nova realidade que nace da mirada e a conciencia da artista.

Discípula avantaxada do alemán Gerhard Richter, un dos nomes máis influentes da arte do último medio século, Karin Kneffel compaxinou a súa traxectoria artística co exercicio da docencia en centros de Alemaña e estranxeiros (profesora visitante nas Academias de Belas Artes en Bremen e Reykjavik, en Islandia, así como Múnic). Anteriormente, foi bolseira de prestixiosas institucións de Alemaña, Italia e Francia.

Realizou numerosas exposicións individuais (a primeira en 1984, na Galerie Rüdiger Schöttle, en Múnic, Alemaña), entre as que destacan, como as máis recentes, as celebradas no Gagosian Gallery (2012), Kunsthalle Tübingen (2010) e o Kunstmuseum Haus Esters de Krefeld (2009). O MAC presentou a obra de Karin Kneffel, por primeira vez en Galicia, en 2006, nunha exposición colectiva sobre pintura alemá.

Sobre o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) é un centro multidisciplinar de cultura contemporánea, un espazo dinámico, flexible e aberto, que combina a actividade expositiva coa integración e participación cidadá, co fin de estimular a creación artística dentro de todos os ámbitos culturais.

Ao longo dos últimos anos, o MAC consolidouse non só como sede expositiva, senón tamén como un lugar de encontro para artistas, afeccionados e público, ofrecendo un amplo programa de actividades culturais, educativas, sociais e artísticas que inclúen exposicións temporais, ciclos de conferencias, obradoiros para escolares e para profesionais.Destaca tamén a ampla actividade do museo no campo da acción social, cun singular programa de participación social a través da arte contemporánea dirixida a persoas con discapacidade.

GAS NATURAL FENOSA conta cun museo de arte contemporánea con proxección nacional e internacional e cunha oferta de actividades variada, suxestiva e de calidade. O MAC quere ser a expresión do compromiso que mantén a multinacional enerxética coa sociedade, en áreas de educación, xuventude, benestar social, arte, cultura e investigación, alén da súa actividade empresarial. Neste sentido, o MAC é, ademais, un elemento diferenciador e xerador de identidade para a compañía.