A Fundación Gas Natural Fenosa analiza en Santiago de Compostela as novas tecnoloxías de almacenamento de electricidade

Data
23-10-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

No seminario, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia, distintos expertos analizaron o reto de almacenar electricidade e as barreiras técnicas e económicas que hai que superar para conseguir un almacenamento viable.

  • A Fundación Gas Natural Fenosa presentou unha publicación que describe as diferentes tecnoloxías de almacenamento de electricidade que se están a desenvolver no mundo.
  • GAS NATURAL FENOSA promove, a través da súa Fundación, a promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía.

O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco José Conde, e o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, clausuraron hoxe en Santiago de Compostela o seminario O almacenamento da electricidade, que analizou as diferentes tecnoloxías de almacenamento de electricidade e as barreiras tecnolóxicas e económicas que hai que superar para conseguir un almacenamento eficiente e viable. A inauguración da xornada contou coa participación do director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo.

Durante a xornada, a Fundación Gas Natural Fenosa presentou o libro El almacenamiento de la electricidad, do director da Área de Materiais para a Enerxía do Instituto para a Investigación sobre Enerxía de Cataluña (IREC) e catedrático da Universidade de Barcelona, Joan Ramón Morante. O libro, encargado e editado pola Fundación Gas Natural Fenosa, describe os diferentes sistemas de almacenamento que se están a desenvolver e o impacto decisivo no desenvolvemento eficiente e competitivo das redes eléctricas intelixentes, do vehículo eléctrico e das enerxías renovables.

O subdirector da Unidade de Hidráulicas de Gas Natural Fenosa, David Alejandro, explicou que as centrais hidráulicas reversibles son actualmente o único sistema de almacenamento efectivo existente e describiu o importante papel no sistema eléctrico, debido á súa flexibilidade, gran capacidade de almacenamento e adaptación á oferta e a demanda.

O responsable da área de Innovación Tecnolóxica de Gas Natural Fenosa, Manuel Calvo, continuou a xornada explicando unha nova tecnoloxía que, mediante transformación química, permite almacenar electricidade aproveitando as infraestruturas gasistas.

Esta tecnoloxía, denominada Power to gas, permite xerar hidróxeno a través de auga e electricidade, que posteriormente é inxectado na rede de gas directamente ou se converte en metano (gas sintético). Ademais, destacou que a capacidade de almacenamento da rede de gas en España supón un 8,7% do consumo anual e permitiría cubrir un 6,3% da demanda eléctrica anual.

No sector da automoción, o responsable da Área de Mobilidade de Energy Lab, Carlos Gutiérrez, presentou un resumo descritivo das diferentes baterías que se foron sucedendo no tempo ata chegar á batería de ión-litio que actualmente forma parte do esquema máis común dos vehículos híbridos e eléctricos comerciais. Adicionalmente, tratou as particularidades que esta frota supón para as redes de distribución eléctrica.

Pola súa banda, o director xeral do Centro de Solucións de Redes Eléctricas Intelixentes de Toshiba Europe GmbH, Toshiaki Asano, presentou a experiencia desta compañía na investigación e desenvolvemento de grandes baterías de almacenamento destinadas ás redes de distribución eléctrica e como estas permiten incrementar o grao de "intelixencia" da rede.

Finalmente, a directora do departamento de Integración en Rede do Centro Nacional de Enerxías Renovables (CENER), Mónica Aguado, destacou o papel clave dos sistemas de almacenamento no futuro sistema eléctrico e explicou as barreiras técnicas e económicas así como outros aspectos regulamentarios e de mercado que é necesario superar para conseguir que o almacenamento sexa unha realidade no noso sistema.

A xornada reuniu preto de 120 profesionais de empresas, universidades e administracións públicas dedicadas á enerxía, a mobilidade e o medio.

A Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do medio, e promove actividades culturais a través do seu Museo do Gas, dirixidas á preservación e difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. As súas actividades internacionais desenvólvense en Alxeria, Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, México, Marrocos, Italia e Moldavia.


Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014.