O beneficio neto ascendeu a 1.239 millóns, un 10,6% máis, debido a resultados extraordinarios e malia o impacto regulador en España

Data
04-11-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

O EBITDA consolidado foi de 3.606 millóns de euros, un 2,3% menos, debido a un ámbito macroeconómico e regulador esixente e a pesar da significativa contención do gasto.

  • O EBITDA xestionable tería medrado un 4%, ata os 3.837 millóns, grazas á actividade gasista internacional e sen ter en conta o impacto de 151 millóns das medidas reguladoras (RDL 9/2013 e RDL 8/2014 e de 80 millóns pola depreciación de divisas internacionais.
  • O beneficio neto foi de 1.239 millóns por plusvalías da venda de GNF Telecomunicacións (252 millóns). Sen este efecto o beneficio tería sido un 2,6% inferior polos impactos reguladores e a depreciación das moedas, especialmente latinoamericanas.
  • A pesar dos distintos impactos, a diversificación de actividades e a solidez financeira permiten a GAS NATURAL FENOSA manter os obxectivos marcados na actualización do seu Plan Estratéxico 2013-2015.
  • GAS NATURAL FENOSA continúa avanzando no seu desapancamento e situou o nivel de endebedamento no 46,4%, e a débeda financeira neta descendeu un 6,3%, ata os 13.843 millóns.
  • A compañía creou a sociedade Global Power Generation, para impulsar o seu negocio internacional de xeración fóra de Europa.


GAS NATURAL FENOSA obtivo un beneficio neto de 1.239 millóns entre xaneiro e setembro, un 10,6% máis que no mesmo período do ano anterior, grazas aos 252 millóns de plusvalías pola venda, o pasado mes de xuño, de GNF Telecomunicacións.

O beneficio neto axustado diminuiría nun 2,6% debido aos impactos reguladores (RDL 9/2013 e RDL 8/2014) e á depreciación das moedas, especialmente latinoamericanas. Non obstante, o equilibrio das diferentes actividades, unha destacada presenza internacional e unha estrita política financeira permítenlle compensar, en parte, estes impactos durante o período.

O EBITDA consolidado acadou os 3.606 millóns de euros, un 2,3% menos, malia unha significativa contención do gasto. Sen ter en conta o impacto regulador e a depreciación de divisas internacionais, principalmente latinoamericanas, o EBITDA xestionable dos nove primeiros meses do exercicio sería de 3.837 millóns, un 4% máis que no mesmo período do ano anterior.

O impacto no EBITDA da depreciación das moedas na súa translación contable a euros foi 80 millóns de euros superior á dos nove primeiros meses de 2013. As dúas divisas que tiveron maior impacto foron o real brasileiro e o peso colombiano.

Por outra parte, as medidas reguladoras do RDL 9/2013 -en vigor dende o 14 de xullo de 2013 e sen impacto ata esa data- e o RDL 8/2014 -que afecta as actividades reguladas do gas e con efecto dende o 5 de xullo deste ano- tiveron un impacto no EBITDA de 151 millóns de euros a peche do terceiro trimestre.

Malia o ámbito macroeconómico e regulatorio, a compañía enerxética mantén a solidez e diversificación do seu modelo de negocio, apoiado na contribución crecente da súa presenza internacional, a súa fortaleza financeira e a busca de maiores eficiencias.

Mantemento da política de dividendo

A pesar dos impactos no resultado da compañía durante este exercicio, GAS NATURAL FENOSA mantén os obxectivos marcados na actualización do seu Plan Estratéxico 2013-2015 cunhas metas realistas, adaptadas ao contexto macroeconómico, enerxético e, especialmente, regulador. A compañía continúa comprometida coa súa política de dividendo en efectivo e prevé manter o seu pay out no 62%, porcentaxe compatible coas políticas de desapancamento e crecemento previstas.

A Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, que tivo lugar o pasado mes de abril en Barcelona, aprobou unha remuneración en efectivo para o accionista por un importe total de 898 millóns, o que supón unha rendibilidade por dividendos superior ao 4,8 % (referenciada á cotización do 31 de decembro de 2013 que era de 18,695 euros por acción). O dividendo bruto total foi de 0,897 euros por acción (0,393 euros/acción como dividendo a conta, e 0,504 euros/acción, como dividendo complementario, xa aboados en xaneiro e xullo deste ano, respectivamente).

Achega das actividades internacionais

As actividades internacionais de GAS NATURAL FENOSA representaron a peche do terceiro trimestre o 42,7% do total do EBITDA consolidado, fronte ao 43,3% no mesmo período do ano anterior. Este descenso débese principalmente ao impacto da translación contable a euros das distintas divisas internacionais, especialmente as de América latina. O EBITDA das actividades en España descendeu tamén un 1,2% e supuxo o 57,3% do total do consolidado.

A 30 de setembro, a débeda financeira neta foi de 13.843 millóns de euros, o que sitúa o nivel de endebedamento no 46,4%, e supón un descenso do 6,3% respecto á débeda financeira neta a 30 de setembro de 2013. Se se desconta o déficit de tarifa pendente de cobrar a peche do terceiro trimestre (428 millóns) así como as retencións por desviacións transitorias de ingresos e gastos de 2014 (194 millóns) practicadas pola CNMC, a débeda neta situaríase en 13.221 millóns, equivalente a unha ratio de endebedamento do 45,3%.

O 92,9% da débeda financeira neta ten un vencemento igual ou posterior ao ano 2016 e a vida media da débeda sitúase en 5 anos. A 30 de setembro, a compañía contaba cunha liquidez de 10.802 millóns de euros, o que supón unha cobertura de vencementos superior aos 24 meses.

Os investimentos materiais e intanxibles de GAS NATURAL FENOSA alcanzaron os 1.015 millóns de euros durante o período, cun incremento do 15,2% respecto ás do mesmo período de 2013. Este crecemento débese fundamentalmente á incorporación dun buque metaneiro en marzo deste ano en réxime de arrendamento financeiro (177 millóns). Axustando este efecto, os investimentos materiais e intanxibles decrecerían nun 4,9%.

Por ámbito xeográfico, os investimentos en España ―excluído o buque metaneiro― diminuíron un 3,6 %. O principal foco investidor da compañía situouse na actividade de distribución de gas, que aumentou no período un 14% e representou o 33,7% do total consolidado. Pola súa banda, a actividade de distribución de electricidade en España diminuíu os seus investimentos un 19,3%.

Distribución de gas en España

O EBITDA da actividade de distribución de gas en España alcanzou os 676 millóns de euros, 25 millóns menos que nos nove primeiros meses do ano anterior.

As vendas da actividade regulada de gas en España no seu conxunto descenderon en 19.177 GWh (-13,6%) respecto ao mesmo período de 2013. O descenso vén provocado pola caída da demanda de gas suxeita a remuneración debido a unha climatoloxía máis calorosa, sendo 2014 o máis cálido dos últimos quince anos, así como pola caída da demanda nalgúns sectores industriais, como o da coxeración, afectado polas novas medidas reguladas.

A 30 de setembro, a compañía tiña 5.208.000 puntos de subministración (+1,1%) e a rede de distribución alcanzou os 48.556 quilómetros, un 2,4% máis que a peche do terceiro trimestre do ano anterior. Durante os nove primeiros meses do ano, a compañía aumentou un 13% os seus investimentos no ámbito da actividade de distribución regulada de gas en España.

Distribución de gas en Italia

O Ebitda da actividade de distribución de gas en Italia foi de 50 millóns de euros, un 5,7 % menos que no mesmo período do ano anterior. A redución débese, por un lado, aos novos modelos regulados de retribución 2014-2019. Por outro lado, as menores vendas no mercado doméstico (2.542 GWh nos nove primeiros meses) afectadas polas altas temperaturas tamén influíron negativamente no resultado.

GAS NATURAL FENOSA alcanzou os 455.827 puntos de subministración en Italia, en liña co mesmo período do ano anterior, mentres que a rede de distribución creceu un 1,8%, ata os 7.038 quilómetros.


Distribución de gas en América latina

Ata o 30 de setembro, o EBITDA da distribución de gas en América latina alcanzou os 459 millóns, cun descenso do 13,1% respecto ao mesmo período do ano anterior, debido ao efecto negativo no tipo de cambio como consecuencia da depreciación das moedas locais, especialmente en Brasil (-7,9%) e Colombia (-5%).

Por países, destacou o Ebitda rexistrado en Brasil, de 228 millóns de euros, que xunto co de Colombia, de 133 millóns de euros, representan preto do 79% do total. O importe neto da cifra de negocio de distribución de gas en América latina ascendeu a 2.493 millóns de euros, cunha contribución destacada de Colombia, que aumentou un 31% as súas vendas durante o período, grazas ao crecemento do mercado industrial.

A peche do terceiro trimestre, as vendas da actividade de gas en América latina, que agrupa as vendas de gas e os servizos de acceso de terceiros á rede (ATR), ascenderon a 186.775 GWh, un 8,5% máis, que as do mesmo período de 2013.

A rede de distribución en América latina incrementouse en 1.777 quilómetros nos últimos 12 meses ata alcanzar os 7.285 a peche do terceiro trimestre deste ano, o que representa un incremento do 2,6%.

GAS NATURAL FENOSA superou os 6,5 millóns de puntos de subministración, o que representou un incremento de 268.000 novos puntos. Cabe destacar o incremento en Colombia, onde se produciu un aumento de 119.000 puntos. En México o incremento neto de clientes alcanzou unha significativa evolución do 65% no terceiro trimestre do ano cun 18,5% de incremento nas postas en servizo respecto ao ano anterior.

Distribución de electricidade en España

O Ebitda da actividade de distribución de electricidade, de 439 millóns de euros, reduciuse un 0,7 % respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que o importe neto da cifra de negocio descendeu un 1,4 %. A caída no resultado responde ao impacto negativo da nova regulación en España. Por unha banda, o RDL 13/2012, que estableceu unha redución dos ingresos regulados asociados á actividade de distribución e xestión comercial do acceso e, por outra, ao RDL 9/2013, que afecta á actividade de distribución de electricidade.

A 30 de setembro, as vendas da actividade de electricidade foron de 23.938 GWh, un 2,7% menos que no mesmo período de 2013. A peche do terceiro trimestre, a compañía contaba con 3.672.000 puntos de subministración, cifra similar á do mesmo período do ano anterior.

O Tempo de Interrupción Equivalente á Potencia Instalada (TIEPI) alcanzou valores superiores aos do mesmo período de 2013, debido principalmente a unha peor climatoloxía aínda que acorde á media rexistrada nos últimos anos.

 
Distribución de electricidade en Moldavia

O EBITDA da actividade de distribución de electricidade en Moldavia alcanzou os 26 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un descenso do 3,7%. A diminución do Ebitda débese principalmente á depreciación da moeda local fronte ao euro. Sen considerar o efecto do tipo de cambio, o crecemento do Ebitda sería do 8,2 % pola mellora nos indicadores de perdas, melloras de eficiencia e contención de gastos.

As vendas da actividade de electricidade ascenderon a 1.919 GWh (+3,3%) e os puntos de subministración pecharon o período en 854.000 (+1,2%).

Distribución de electricidade en América latina

O EBITDA da actividade de distribución de electricidade en América latina, que inclúe Colombia e Panamá, alcanzou os 250 millóns de euros a peche do terceiro trimestre, en liña co resultado do mesmo período do ano anterior. De non considerar o efecto provocado polo tipo de cambio, así como o desinvestimento en Nicaragua executado en febreiro do ano pasado, o Ebitda aumentaría un 6,5 %.

O negocio de distribución de Colombia achegou 179 millóns de euros ao Ebitda, o que supón un incremento do 9,7%, sen considerar o efecto do tipo de cambio. Adicionalmente, o EBITDA dos nove primeiros meses de 2014 inclúe o importe correspondente ás distribuidoras de Panamá por valor de 71 millóns de euros.

As vendas da actividade de distribución de electricidade en América latina creceron un 4,2%, ata os 12.792 GWh. Sen considerar as operacións de Nicaragua neste período, as vendas experimentarían un incremento do 6,3%, impulsado polo aumento da demanda tanto en Colombia coma en Panamá. Seguindo a evolución positiva da demanda, ambos os dous países rexistran no período un crecemento conxunto de clientes do 3,5%.

Gas: Infraestruturas

O EBITDA da actividade de infraestruturas, que inclúe a operación do gasoduto Magreb-Europa, a xestión do transporte marítimo, o desenvolvemento dos proxectos integrados de Gas Natural Licuado (GNL) e a exploración, desenvolvemento, produción e almacenamento de hidrocarburos, elevouse nos nove primeiros meses do ano a 211 millóns de euros, un 9,9% máis, debido principalmente á optimización e maior utilización da frota propia.

A 30 de setembro, a actividade de transporte de gas desenvolvida en Marrocos a través das sociedades EMPL e Metragaz, sumou un volume total de 91.901 GWh, un 1,2% máis que no mesmo período de 2013 por un maior volume de gas vehiculado a España. Desta cifra, 65.620 GWh (+3,7%) foron transportados para GAS NATURAL FENOSA a través da sociedade Sagane, e 26.281 GWh (-4,5%) para Portugal e Marrocos.


Gas: Aprovisionamento e comercialización

O EBITDA da actividade mundial de aprovisionamento e comercialización de gas ascendeu a 680 millóns de euros, un 1,6% máis que no mesmo período de 2013, debido fundamentalmente ás maiores vendas no mercado exterior e a uns custos menores de comercialización, especialmente no terceiro trimestre do exercicio.

Ata setembro, o gas comercializado no mercado español alcanzou os 128.618 GWh, cun descenso do 2,9%, por unha menor comercialización a clientes finais de GAS NATURAL FENOSA (-3%), provocado por un menor consumo dos ciclos combinados e por un menor aprovisionamento a terceiros (-2,9%).

Gas Natural Europe, filial de comercialización en Europa, conta actualmente en Francia cunha carteira contratada de 22,4 TWh anuais con clientes de diversos ámbitos, que van dende empresas do sector industrial ata autoridades locais e sector público. A filial francesa consolida a súa posición en Bélxica e Luxemburgo cunha carteira contratada de 6,4 TWh/ano. En Holanda afiánzase a posición con 5,3 TWh ao ano en carteira e en Alemaña, onde empezou a actividade a finais de 2012, xa se contratou unha carteira de 1,6 TWh/ano.

En Italia, Gas Natural Vendita conseguiu unha carteira contratada no mercado almacenista de 7,1 TWh/ano a peche do terceiro trimestre.

No mercado de Portugal, GAS NATURAL FENOSA continuou a súa consolidación como primeiro operador estranxeiro cunha carteira de contratos industriais de 6,5 TWh/ano. A compañía pechou o terceiro trimestre cunha cota de mercado do 17% que, segundo o Ente Regulador portugués (ERSE), supón ser o segundo operador do país. No mercado industrial, onde centra as súas actividades, a cota estimada a peche do trimestre foi superior ao 20 %, polo que consolida o seu liderado na Península Ibérica de cara á creación dun mercado único ibérico (MIBGAS).

No mercado exterior, destaca o incremento da diversificación de mercados, con vendas de gas en América (Caribe e Sur) e Asia (Xapón, India e Corea do Sur). A compañía consolida a súa presenza nos principais mercados internacionais de Gas Natural Licuado (GNL).

Nesta liña, GAS NATURAL FENOSA asinou o pasado maio un contrato de longo prazo de venda de Gas Natural Licuado (GNL) a Chile, ampliando así a súa presenza na Cunca do Pacífico. Por outro lado, en xuño a compañía enerxética subscribiu con Cheniere un novo contrato de aprovisionamento de GNL, a través do cal a sociedade norteamericana subministrará a GAS NATURAL FENOSA 2 bcm anuais con liberdade de destino, procedentes da súa planta de licuefacción de Corpus Christi.

No mercado polo miúdo, a compañía alcanzou 12 millóns de contratos activos de gas, electricidade e servizos a 30 de setembro, dos que 521.874 son en Italia. Durante os nove primeiros meses do ano, activou 1.272.000 novos contratos. A carteira de servizos superou a 30 de setembro os 2,5 millóns de contratos activos. Todo iso permitiu facer crecer a carteira de contratos no segmento de comercio polo miúdo nun 5% en termos homoxéneos respecto ao mesmo período do ano anterior.


Electricidade España

O EBITDA da actividade de electricidade en España (xeración, comercialización almacenista e polo miúdo e subministración de electricidade a tarifa de último recurso) foi de 564 millóns de euros (-2,9%). A recuperación dos prezos eléctricos no trimestre facilitou un maior nivel de EBITDA que en períodos anteriores, se ben en termos acumulados este descende un 2,9% respecto a peche do terceiro trimestre de 2013.

Este descenso veu motivado pola evolución dos prezos dos mercados de combustible, o menor prezo eléctrico do mercado almacenista ―resultado dun cambio no mix de produción― e as medidas fiscais e regulatorias (RDL 15/2012 e RDL 9/2013) que afectaron á xeración eléctrica.

O prezo medio ponderado do mercado diario no período xullo-setembro deste ano foi de 53,02 €/MWh, dous euros por enriba dos 51,02 €/MWh do mesmo trimestre de 2013, e un 29% superior aos 41,07 €/MWh do trimestre anterior.

A produción de enerxía eléctrica foi de 22.815 GWh, un 4,2% menos que no mesmo período do ano anterior. Desa cifra, 21.243 GWh corresponden a xeración tradicional (-4,1%), mentres que a xeración en renovables e coxeración sumou 1.572 GWh (-5,6%).

A cota de mercado en xeración tradicional acumulada a 30 de setembro de 2014 de Gas Natural Fenosa é do 18,6%, inferior ao 19,8% de 2013

A peche do terceiro trimestre, a produción hidráulica foi de 3.410 GWh, inferior nun 6,8% aos 3.659 GWh do mesmo período do ano anterior, consecuencia das menores chuvias no último trimestre. Pola súa banda, e no acumulado anual, a produción nuclear descendeu un 0,4%, ata os 3.169 GWh.

A produción dos ciclos combinados durante os nove primeiros meses de 2014 foi de 10.490 GWh, un 10,8% inferior ao mesmo período de 2013. Só no terceiro trimestre, a produción con esta tecnoloxía foi de 4.550 GWh (-12,3%).

No acumulado anual, a produción térmica con carbón alcanzou os 4.174 GWh, un 17,5% máis que no mesmo período do ano anterior. A aplicación do Real decreto de Garantía de Subministración supuxo entre xullo e setembro deste ano unha produción con carbón nacional de 1.375 GWh para GAS NATURAL FENOSA.

As vendas de electricidade, que inclúen a comercialización no mercado liberalizado e de último recurso, alcanzaron, 30 de setembro, os 25.788 GWh (+3,6%). As cifras da carteira de comercialización eléctrica son acordes ao posicionamento de maximización de marxes, á optimización de cota e ao grao de cobertura que GAS NATURAL FENOSA desexa ter fronte ás variacións de prezo do mercado eléctrico.

Gas Natural Fenosa Renovables

Gas Natural Fenosa Renovables pechou o terceiro trimestre cunha potencia total instalada en operación de 902 MW, dos cales 738 MW corresponden a tecnoloxía eólica, 107 MW a minihidráulica e 57 MW a coxeración.

A produción foi un 5,6% inferior á de 2013 (1.572 GWh versus 1.666 GWh). A diminución débese principalmente á menor produción da tecnoloxía de coxeración (-70,7 %). Na tecnoloxía eólica, produciuse un incremento do 2,2%, mentres que na produción con tecnoloxía minihidráulica a produción aumentou un 23,6%, debido á entrada en funcionamento das centrais de Belesar I e Belesar II, que achegaron 103 GWh nos nove primeiros meses de 2014.

Global Power Generation

O pasado 1 de outubro GAS NATURAL FENOSA creou a sociedade Global Power Generation (GPG) que aglutina os seus activos e negocios de xeración eléctrica fóra de Europa. O obxectivo da nova sociedade é impulsar o negocio de xeración internacional de GAS NATURAL FENOSA de acordo ao marco establecido no seu actual Plan Estratéxico, que recolle o crecemento no mercado internacional a través do desenvolvemento de proxectos de xeración, especialmente en América latina e Asia.

O EBITDA de GPG, correspondente ao período xaneiro-setembro de 2014, alcanzou os 159 millóns, un 3% menos que no mesmo período do ano anterior. O importe neto da cifra de negocio ascendeu no período a 708 millóns de euros, un 0,4% máis.

A peche do terceiro trimestre, a enerxía producida foi de 13.492 GWh, un 2,1% menos que no mesmo período do ano anterior.

 

Barcelona, 4 de novembro de 2014.

Conta de resultados consolidada

(€ millóns) 9M14 9M13(*)
Importe neto da cifra de negocios  18.223  18.273
Outros ingresos de explotación  205  174
Aprovisionamentos  -12.803  -12.654
Gastos de persoal  -617  -633
Outros gastos de explotación  -1.402  -1.470
Ebitda  3.606  3.690
Outros resultados  253  8
Amortizacións e perdas por deterioración -1.184   -1.198
Dotación a provisións  -185  -169
RESULTADO DE EXPLOTACIÓN  2.490  2.331
Resultado financeiro  -587  -593
Resultado alleamento instrumentos financeiros  -  1
Resultado de entidades método participación  -75  -54
RESULTADO ANTES DE IMPOSTOS  1.828  1.685
Imposto sobre beneficios  -448  -396
Xuros minoritarios  -141  -169
RESULTADO ATRIBUÍBLE AO GRUPO  1.239  1.120

(*) Reexpresado aplicando NIIF 11

Balance de situación consolidado

 (€ millóns) 30/09/14  30/09/13(*) 
Activo non corrente-   33.081  32.902
Inmobilizado intanxible   7.888  7.997
Inmobilizado material   20.218  20.406
Investimentos método participación   2.322  2.496
Activos financeiros non correntes   1.562  987
Activos por imposto diferido   1.091  1.016
Activo corrente-   9.967  11.794
Existencias   937  820
Debedores comerciais e outras contas a cobrar   4.792  4.285
Outros activos financeiros correntes   333  1.286
Efectivo e medios líquidos equivalentes   3.905  5.403
TOTAL ACTIVO   43.048  44.696

 

(€ millóns)   30/09/14  30/09/13(*)
Patrimonio neto-  15.985  15.198
Patrimonio neto atribuído á entidade dominante  14.420  13.648
Xuros minoritarios   1.565  1.550
Pasivo non corrente-   20.054  22.070
Ingresos diferidos   830  887
Provisións non correntes    1.457  1.544
Pasivos financeiros non correntes   14.884  16.956
Pasivos por imposto diferido   2.014  1.969
Outros pasivos non correntes    869  714
Pasivo corrente-   7.009  7.428
Provisións correntes   108  89
Pasivos financeiros correntes    2.866  3.524
Acredores comerciais e outras contas a pagar   3.617  3.499
Outros pasivos correntes   418  316
TOTAL PASIVO E PATRIMONIO NETO   43.048  44.696

(*) Reexpresado aplicando NIIF 11

Principais magnitudes físicas consolidadas

Actividade de distribución Europa

  9M14 9M13 %
Distribución gas:      
Vendas - ATR (GWh)  124.212  143.573  -13,5
Puntos de subministración, en miles (30/09)  12.185  11.857  2,8
Distribución electricidade:      
Vendas - ATR (GWh)  25.857 26.448  -2,2
Puntos de subministración, en miles (30/09)  7.528  7.414  1,5
TIEPI en España (minutos)  37  33   12,1

 

Actividade de gas

  9M14 9M13 %
Comercialización almacenista (GWh):  214.007  201.393  6,3
España  128.618  132.510  -2,9
Resto vendas de gas  85.389  68.883  24,0
Comercialización polo miúdo (GWh)  19.220  22.591  -14,9
Transporte de gas - EMPL (GWh)  91.901  90.779  1,2

 

Actividade de electricidade

   9M14  9M13  %
Enerxía eléctrica producida (GWh):   36.307  37.595  -3,4
 España:  22.815  23.817  -4,2
Xeración:       
Hidráulica   3.410  3.659  -6,8
Nuclear  3.169  3.181  -0,4
Carbón    4.174  3.552  17,5
Ciclos combinados  10.490 11.759  -10,8
Renovable e coxeración:    1.572   1.666  -5,6
Capacidade de xeración eléctrica (MW):  14.551  15.119  -3,8
España:    12.122  12.690  -4,5
Xeración:       
 Hidráulica  1.948 1.914  1,8
Nuclear   604 604  -
Carbón   2.065  2.065  -
Ciclos combinados   6.603  6.603  -
 Renovable e coxeración:  902  864 44

 

Global Power Generation

   9M14 9M13   %
 Enerxía eléctrica producida (GWh):  36.307  37.595  -3,4
 Global Power Generation:  13.492  13.778 -2,1 
México (CC)   12.301  12.224  0,6
Costa Rica (hidráulica)  118   164  -28,0
Panamá (hidráulica)   43  50  -14,0
Panamá (fuel)   28  11  -
República Dominicana (fuel)   628  923  -32,0
Kenya (fuel)   374  406  -7,9
Capacidade de xeración eléctrica (MW):   14.551  15.119  -3,8
Global Power Generation:   2.429  2.429
México (CC)   2.035  2.035  -
Costa Rica (hidráulica)   51  51  -
Panamá (hidráulica)   22  22  -
Panamá (fuel)   11  11  -
República Dominicana (fuel)   198  198  -
Kenya (fuel)   112  112  -