Gas Natural Fenosa pecha con éxito a compra de CGE e faise co 96,50% da maior distribuidora de electricidade e gas de Chile

Data
14-11-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A Oferta Pública de Adquisición formulada pola compañía enerxética española foi aceptada por 402.122.728 accións, representativas do 96,50% do capital da Compañía General de Electricidad, S.A. (CGE) de Chile.

  • Tras a liquidación da oferta, que finalizou o pasado 11 de novembro, Gas Natural Fenosa Chile aboará 4.700 pesos chilenos por acción na maior OPA realizada nunca neste país.
  • Coa conclusión desta adquisición, o grupo español entra no negocio enerxético de Chile e fortalece a súa presenza en América latina.A operación enmárcase nos obxectivos de internacionalización e crecemento de GAS NATURAL FENOSA, de acordo co seu Plan Estratéxico 2013-2015.


A Oferta Pública de Adquisición de accións formulada por Gas Natural Fenosa Chile sobre a sociedade chilena Compañía General de Electricidad, S.A. (CGE) concluíu hoxe con éxito, despois de que 402.122.728 accións, representativas do 96,50% do capital social da chilena, aceptasen a oferta.

Así, Gas Natural Fenosa Chile, filial de GAS NATURAL FENOSA, será o novo accionista maioritario da maior distribuidora de electricidade e gas de Chile, e unha das principais compañías do seu sector en América latina. Tras o peche da oferta, cuxo prazo de aceptación finalizou o pasado día 11 de novembro, a compañía enerxética presidida por Salvador Gabarró, terá o 96,50% do capital social.

Tras coñecerse o resultado da oferta, e de acordo coa lexislación chilena vixente sobre Ofertas Públicas de Adquisición de Valores, a compañía aboará 4.700 pesos chilenos por cada unha das accións, o que supón un desembolso pola operación de aproximadamente 2.550 millóns de euros. O tamaño total da operación, incluíndo a débeda consolidada de CGE e a participación minoritaria das súas filiais, é de aproximadamente 6.000 millóns de euros.

A operación non altera a solidez financeira de GAS NATURAL FENOSA e acelera o cumprimento dos obxectivos comprometidos no seu plan estratéxico 2013-2015, achegando activos e negocios de gran calidade, segundo explicou o conselleiro delegado da compañía, Rafael Villaseca, ao anunciar a operación.

Acordo cos accionistas maioritarios

GAS NATURAL FENOSA subscribiu o pasado mes de outubro un Contrato de Promesa de Compravenda cos principais accionistas da sociedade chilena, representantes do 54,19% do capital social, polo cal se comprometeron irrevogablemente a vender as súas accións no marco da oferta pública de adquisición que se iniciaría.

A adquisición por parte de GAS NATURAL FENOSA é a maior operación de compra internacional realizada pola multinacional enerxética española en toda a súa historia e tamén a maior compra dunha utility en América latina.

A entrada nun mercado enerxético clave

Para GAS NATURAL FENOSA, a compra de CGE é un fito que lle permite entrar no mercado enerxético de Chile dende unha posición de liderado, a través da principal empresa de distribución de electricidade e gas do país, que ten máis de 2,5 millóns de clientes e que distribúe electricidade ao 40% do mercado chileno, incluíndo parte da capital Santiago de Chile.

Coa adquisición de CGE, a multinacional enerxética española está presente no negocio enerxético en sete das nove maiores urbes de América latina e nas cinco principais capitais do continente (Bogotá, Bos Aires, México DF, Río de Xaneiro e Santiago de Chile).

Sobre Grupo CGE

Compañía General de Electricidad, S.A. (CGE) é a cabeceira dun dos grupos enerxéticos integrados máis importantes do país. Concentra case toda a súa actividade no sector eléctrico e do gas en Chile (dende Arica a Porto Williams), Arxentina (en catro provincias) e en Colombia (26 dos 32 distritos na actividade de distribución de gas licuado).

No mercado de electricidade, a compañía é responsable da distribución do 40% da enerxía eléctrica e satisfai a demanda do 43% dos consumidores de Chile, con máis de 2,5 millóns de clientes e é o primeiro operador de rede de alta tensión cunha cota de mercado do 35% e máis de 3.400 quilómetros de liñas.

Así mesmo, conta unha participación directa en GASCO, unha das tres principais distribuidoras de GLP cun 27% de cota de mercado, e METROGAS, a principal distribuidora de gas do país con máis de 580.000 clientes, e asegúrase unha sólida posición no mercado de Gas Natural Licuado (GNL) a través da súa participación na terminal de Quintero.

Sobre GAS NATURAL FENOSA

GAS NATURAL FENOSA é unha das compañías multinacionais líderes no sector do gas e a electricidade, está presente en máis de 25 países, conta con máis de 20 millóns de clientes e ten unha potencia instalada de 15,4 xigawatts. É a maior compañía integrada en gas e electricidade de España e América latina, líder en comercialización de gas natural na Península Ibérica e primeira distribuidora de gas natural de América latina. Cunha frota de nove buques metaneiros, é un operador de referencia de GNL/GN da cunca atlántica e mediterránea, onde opera 30 bcm/ano.

Barcelona, 14 de novembro de 2014.