A Fundación Gas Natural Fenosa analiza a interrelación cada vez máis estreita entre a enerxía e a auga

Data
14-11-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A estreita relación entre enerxía e auga constituirá un elemento estratéxico e a ter en conta competitivamente no futuro.

  • A agricultura de regadío en España supón o 40% do total da demanda eléctrica do sector da auga, e un 2,3% do consumo nacional de electricidade.

O conseller de Territorio e Sostibilidade da Generalitat de Cataluña, Santi Vila, e o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, inauguraron hoxe en Barcelona o seminario Enerxía e auga.A creación de valor compartido, no que diversos expertos reflexionaron sobre a interrelación cada vez máis estreita entre a enerxía e a auga.

Durante a xornada, os relatores destacaron que cada elemento (enerxía e auga) ten un protagonismo moi destacado no ciclo do outro, tanto coma materia prima (na produción de enerxía hidráulica, por exemplo), como compoñente no proceso de xeración eléctrica (refrixeración de centrais térmicas), así como en sentido inverso, pola necesidade que se ten da enerxía para a obtención da auga subterránea, potabilización, distribución, depuración e consumo, fundamentalmente agrario.

O profesor da Facultade de Farmacia da Universidade de Barcelona, Miquel Salgot, explicou a importancia do binomio auga e enerxía ao longo da historia, e como a auga conseguiu un protagonismo cada vez máis destacado en todo o ciclo da enerxía. Tamén, e en sentido inverso, o papel da enerxía en todo o ciclo da auga, sinalando que a hidroelectricidade representa aproximadamente a cuarta parte da produción total da electricidade en todo o mundo.

Experiencias da xestión da auga no sector enerxético

O responsable de coordinación da Operación, Química e Medio dos Ciclos Combinados en España de GAS NATURAL FENOSA, David de la Fuente, analizou a xestión da auga nas centrais de ciclo combinado e explicou dous proxectos relacionados coa redución do consumo de auga: Menos H2O, para mellorar o rendemento, a reutilización e a reciclaxe de auga en todo o proceso; e CapWa, para obter a auga dos gases de escape antes da súa saída á atmosfera pola cheminea, reducindo desta forma o consumo de auga para a xeración de vapor.

O responsable de Enxeñaría Hidráulica de GAS NATURAL FENOSA, Javier Baztán, explicou que o potencial hidroeléctrico total explotado nun ano de produción media en España é aproximadamente de 18.500 MW. Segundo Baztán, antes de adoptarse a lexislación ambiental, xa existían a maioría de grandes aproveitamentos hidroeléctricos, e non todos mantiñan un caudal permanente en todo o tramo do río. Unha das solucións adoptadas foi liberar os caudais ecolóxicos construíndo minicentrais a pé de presa, mantendo un caudal suficiente e continuo de base durante todo o ano.


Experiencias de eficiencia enerxética en actividades agrarias

O profesor de investigación da Estación Experimental da Aula Dei de Zaragoza, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Enrique Playán, explicou que a agricultura de regadío en España supón o 40% do total da demanda eléctrica do sector da auga, e un 2,3% do consumo nacional de electricidade. A modernización dos regadíos en España supuxo un aumento do consumo enerxético.

O subdirector xeral de Infraestruturas Rurais do departamento de Agricultura, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio da Generalitat de Cataluña, Antoni Enjuanes, insistiu en que as obras de mellora nos regadíos implican a presurización das redes, o que significa que se reduce o consumo de auga pero se incrementa o consumo enerxético.

Por último, o xerente da Axencia Catalá da Auga, Diego Moxó, expuxo diversas causas que supoñen un aumento do gasto enerxético como son os ámbitos de distribución máis afastados, requirimentos de calidade cada vez máis esixentes, a desalinización, a modernización dos sistemas de regadío, a reutilización de augas rexeneradas, así como a maior parte de recuperacións de acuíferos con necesidades de tratamento avanzado, entre outras.

Concepto da creación de valor compartido

Durante a xornada, o xefe de proxectos do Estudo Ramon Folch e Asociados, Josep M.Palau, abordou o concepto de creación de valor compartido, aplicado especialmente ás infraestruturas enerxéticas. Por outro lado, a directora da Área de Responsabilidade Social Corporativa de KPMG, Patricia Reverter, puxo de manifesto a relevante contribución das empresas do sector enerxético a sociedade, en termos de crecemento económico e de ocupación en España.

A xornada, que contou coa asistencia de preto de 140 profesionais de empresas enerxéticas, enxeñarías, consultores e expertos do sector da enerxía e a auga, foi clausurada polo secretario de Medio e Sostibilidade da Generalitat de Cataluña, Josep Enric Llebot, e do director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà.

A Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, a formación e a sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do medio, e promove actividades culturais a través do seu Museo do Gas, dirixidas á preservación e difusión do patrimonio histórico e cultural do sector. As súas actividades internacionais desenvólvense en Alxeria, Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, México, Marrocos, Italia e Moldavia.

Barcelona, 14 de novembro de 2014.