Gas Natural Fenosa e Cinesa acordan difundir a iniciativa Cinergía nas 45 salas patrocinadas pola compañía enerxética

Data
10-12-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

GAS NATURAL FENOSA e CINESA renovan por 5ª vez o seu convenio, ampliando o número de salas patrocinadas e chegando por primeira vez a San Sebastián e Castelló.

  • CINESA proxectará nestas salas o videoconcept de CINERGÍA e os tráileres das 4 curtas vinculadas a este proxecto, dirixidas polos directores españois Rodrigo Cortés, Jaume Balagueró, Juan Cruz e Paco Plaza.

GAS NATURAL FENOSA e CINESA renovaron por 5ª vez o seu convenio de colaboración, e acordaron difundir a iniciativa CINERGÍA nas 45 salas patrocinadas pola compañía enerxética, que levan o nome de Sala Gas Natural Fenosa. O acordo, que supón ampliar o número de salas patrocinadas, permite a GAS NATURAL FENOSA estar por primeira vez nos cines CINESA de San Sebastián e Castelló.

En virtude do convenio, CINESA proxectará, antes de cada pase nas Salas Gas Natural Fenosa, un dos tráileres das 4 curtametraxes de CINERGÍA ou o videoconcept deste anovador proxecto impulsado pola compañía enerxética para achegar a eficiencia enerxética ao gran público a través do cine.

CINERGÍA: catro historias sobre eficiencia enerxética

A través de CINERGÍA, GAS NATURAL FENOSA deu un salto á produción cinematográfica tras seleccionar catro recoñecidos directores españois, moi populares entre o público -Rodrigo Cortés, Paco Plaza, Jaume Balagueró e Juan Cruz-, para dirixir catro curtametraxes vinculadas á eficiencia enerxética e aos produtos e servizos da compañía. Tres das catro curtas xa foron estreadas nos principais festivais do país.

Trátase de historias de xénero fantástico e thriller, sen perder de vista o humor, e están protagonizadas por algúns dos actores máis recoñecidos do panorama nacional, como Terele Pávez, José Coronado, Fele Martínez e Maribel Verdú. Cada relato está relacionado cun aspecto da enerxía eficiente: mantemento de equipos, eficiencia no fogar, eficiencia no traballo e mobilidade sostible.

A curtametraxe "Ultravioleta", estreada no Festival de San Sebastián, é unha curta de terror clásico dirixida por Paco Plaza e como protagonista Julián Villagrán e Maribel Verdú, que trata dunha restauradora de cadros que ten que pasar a noite enteira traballando para rescatar unha pintura oculta, mostrándonos algúns dos erros máis comúns á hora de aproveitar a enerxía.

"1.58" é o título elixido polo director Rodrigo Cortés, que rodou unha curta -estreada no Festival de Cine Fantástico de Sitges- con aires de thriller e terror tendo como protagonista a Manuela Vellés, coa colaboración especial de Gabino Diego e a xornalista Julia Otero, que ofrece ao espectador diferentes claves sobre unha condución eficiente, a través da historia dunha rapaza que conduce de noite dun xeito descoidado, ata que un grupo de misteriosos asaltantes lle causarán serios problemas.

Outro dos traballos, "Inquilinos", dirixido por Jaume Balagueró e protagonizado por Antonio de la Torre, Manuela Velasco e Fele Martínez, foi estreado no Madrid Premiere Week, trata dunha moza parella independendizada que descoñece por que vai frío no seu piso e decide chamar un técnico. O que non saben é que as antigas inquilinas teñen moito que ver con esta situación.

Finalmente, Juan Cruz dirixiu "Domonic", unha curta futurista protagonizada por Terele Pávez e José Coronado, sobre a historia de Gastón, un home solteiro que está a intentar superar a morte da súa nai e que ve como un avanzado sistema intelixente de xestión do fogar colle o control da súa casa. Unha historia que cuestiona a falta de conciencia da eficiencia que se estreará proximamente.

A raíz do proxecto, a compañía enerxética actualizou a súa páxina web de cine http://cine.gasnaturalfenosa.es) con toda a información e as novidades sobre CINERGÍA, incluídas as curtametraxes a medida que se van estreando. Ademais, a través das súas redes sociais lanza numerosas promocións co obxectivo de achegar o cine a todos os espectadores.

Compromiso coa cultura e o cine

GAS NATURAL FENOSA mantén un compromiso de colaboración coa sociedade e en especial co mundo do cine, a través do seu apoio aos principais festivais e ás salas de proxección do país. A compañía patrocina, entre outros, o Festival de San Sebastián, o Festival de Cine de Málaga, o Madrid Premiere Week, o Sitges-Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya e o Festival Internacional de Cine de Cartaxena.

Co seu apoio ao mundo do cine, GAS NATURAL FENOSA colabora cunha das industrias que máis se viu afectada pola crise, especialmente no caso dos festivais, que sufriron nos últimos anos importantes recortes nas súas fontes de financiamento.

Sobre Cinesa

CINESA é a empresa líder en exhibición cinematográfica en España en número de espectadores con máis de 17 millóns de espectadores, segundo datos oficiais de 2013, e líder tamén en salas de exhibición con preto de 533, repartidas nos 45 cines que ten nas mellores localizacións das principais capitais de provincia.

 

Destacan os 14 cines de Madrid e os 10 de Barcelona, cunhas cotas de mercado nestas cidades do 38,8% en Madrid cidade e do 46,3% en Barcelona cidade, segundo datos oficiais de 2013.

Cinesa pertence ao grupo Odeon-UCI Cinemas, propiedade do fondo de investimento británico Terra Firma que actualmente ten cines en España, Portugal, Gran Bretaña, Alemaña, Italia, Irlanda e Austria. O Grupo Odeon-UCI Cinemas é o primeiro exhibidor cinematográfico no mercado europeo, onde lidera o mercado en Gran Bretaña, España e Italia.


Barcelona, 10 de decembro de 2014.