Máis de 120 voluntarios de Gas Natural Fenosa melloran hábitats únicos en Castela-A Mancha e Cataluña

Data
23-12-2014
Categoría
Noticia corporativa
Tema

A compañía desenvolve un programa de voluntariado ambiental en colaboración coa Fundación Global Nature para fomentar a conservación da biodiversidade entre os seus empregados.

Máis de 120 voluntarios, empregados de GAS NATURAL FENOSA e os seus familiares, participaron durante os últimos tres meses en varias xornadas de conservación ambiental en ámbitos protexidos de Castela-A Mancha e Cataluña. Os enclaves seleccionados teñen un gran valor natural, o cal, ademais de reforzar a importancia das accións de restauración, permitiu realizar actividades complementarias relacionadas coa biodiversidade.

No caso de Castela-A Mancha, realizáronse plantacións de máis de 900 exemplares de especies endémicas, como o limo salgado, o albardín, a aciñeira ou o espiño negro, en "A Mancha Húmida", área protexida incluída na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera. Os voluntarios tamén realizaron observación de aves dende os observatorios das lagoas de Peña Hueca e a Lagoa Larga de Villacañas e contribuíron no proxecto Biodiversidade Virtual, unha plataforma cidadá que recompila datos online da biodiversidade a través da fotografía dixital xeoreferenciada.

En Cataluña, a compañía organizou actividades no Parque Natural do Garraf (Barcelona), que incluíron plantacións de aciñeira, así como un programa de "vivencia da biodiversidade", no cal varios ornitólogos acompañaron os voluntarios para se internar no mundo das aves e realizar toma de datos, anelamentos, etc.

Por outro lado, o Parque Natural de Serralada de Marina (Badalona) tamén se beneficiou deste programa de voluntariado. Ademais de plantar especies protexidas como a quina, os voluntarios realizaron un percorrido por un horto ecolóxico, e analizaron a importancia da conservación da biodiversidade, incluíndo a biodiversidade agraria, mediante actividades económicas tradicionais.

Compromiso co medio e a contorna

GAS NATURAL FENOSA mantén un firme compromiso coa sociedade e dende hai anos foi desenvolvendo unha cultura empresarial de respecto e sensibilización polo medio e a mellora da contorna que é permanentemente trasladada aos seus empregados, clientes, subministradores e á sociedade en xeral.

Seguindo esta liña, a compañía incorpora o compromiso coa preservación da biodiversidade ao desenvolvemento de todos os seus negocios e actividades e definiu unha estratexia en sostibilidade ambiental que se fundamenta nestes tres obxectivos: minimización dos impactos sobre os ecosistemas, conservación do capital natural e mitigación do quentamento global.

A compañía publica o Informe de Biodiversidade, que recolle as mellores prácticas en relación co estudo e conservación do medio natural, e de educación e sensibilización ambiental.

Fundación Global Nature

A Fundación Global Nature traballa dende hai máis de 20 anos na conservación de espazos e especies, así como na restauración de ecosistemas degradados, con especial dedicación ás zonas húmidas. Durante estes anos, a Fundación colaborou con entidades públicas e privadas co fin de desenvolver actividades encamiñadas a conservar a biodiversidade, tanto en España coma no marco de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Como fundación benéfico-docente, todos os proxectos da entidade teñen un compoñente de sensibilización ambiental, que se desenvolve a través de cursos, obradoiros ou voluntariados corporativos sobre o terreo.


Barcelona, 23 de decembro de 2014.