IBAN - Mandato SEPA
Que é e cales son as súas vantaxes?
Preguntas frecuentes
Cada país dispón dun sistema e dunhas normas propias de identificación de contas bancarias, e non se poden aplicare as normas doutros países, o que non facilita as transaccións de pagamentos internacionais. Iso provoca atrasos, incidencias e custos non desexados. O IBAN resolve esta situación.
-
Que é o IBAN?
O Código Internacional de Conta Bancaria (IBAN) é un número de identificación que permite validar internacionalmente unha conta bancaria que teña un cliente nunha entidade financeira.
É un estándar creado polo Comité Europeo de Estándares Bancarios (ECSB) co obxectivo de facilitar a identificación homoxénea das contas bancarias en todos os países.
Tanto o IBAN como o CCC (estándar español de contas) identifican a mesma conta bancaria.
O IBAN só se admite en domiciliacións na Zona SEPA (28 países CE + Islandia, Liechtenstein, Noruega, Suíza, Mónaco e Croacia).
-
Vantaxes do IBAN
Cada país dispón dun sistema e dunhas normas propias de identificación de contas bancarias, e non se poden aplicare as normas doutros países, o que non facilita as transaccións de pagamentos internacionais. Iso provoca atrasos, incidencias e custos non desexados.
O IBAN resolve esta situación e achega, entre outras, as seguintes vantaxes:
Diminución dos erros de imputación.
Transmisión correcta dos datos relativos ao número de conta bancaria.
Facilidade no tratamento automatizado ao longo de todo o circuíto.
Redución das intervencións manuais.
Rapidez de transmisión.
Redución de custos.
-
Formato IBAN
O IBAN consta dun máximo de 34 carácteres alfanuméricos, en función do país. Os dous primeiros son de carácter alfabético e identifican ao país. Os dous seguintes son díxitos de control que permiten verificar a exactitude do IBAN. Os restantes son o número de conta bancaria.
-
Formato español
Para España, o IBAN ten 24 díxitos e componse do seguinte xeito:
“ES" (código de país para España ―dúas letras―, especificado na norma ISO 3166).
Un número de control (2 díxitos).
O CCC completo da correspondente conta corrente bancaria (20 díxitos).
-
Formato electrónico
A presentación en formato electrónico do IBAN realízase sen espazos de separación, é dicir, con todos os díxitos seguidos.
-
Formato papel
A representación en papel do IBAN é a mesma que en formato electrónico, coas seguintes excepcións:
As iniciais "IBAN" preceden ao IBAN e van seguidas dun espazo.
O IBAN divídese en grupos de catro caracteres separados por un espazo. O último grupo ten unha extensión variable de ata catro caracteres.
-
IBAN e BIC ou Swift
O Código Internacional de Identificación Bancaria (BIC), tamén chamado "código bancario SWIFT", é o código internacional que permite unha identificación única de cada entidade de crédito e/ou das súas oficinas. Este código é necesario para automatizar o envío dos pagamentos ás caixas e bancos receptores.
Ao realizar un pagamento transfronteirizo é importante indicar o IBAN do beneficiario e o código BIC da entidade destinataria, posto que utilizalo comporta unha maior rapidez e fiabilidade no trato do pagamento.
Por outra banda, se recibes pagamentos procedentes do estranxeiro, interésache indicar o IBAN e o BIC en todas as facturas ou facilitárllelo a todos os provedores/debedores, porque che permitirá gañar tempo na recepción de pagamentos ao teu favor.
-
Que é o Mandato SEPA?
O mandato asinado polo debedor (pagador) serve para autorizar, tanto ao acredor ao realizar o cobramento, como á súa entidade de crédito para atender os devanditos pagamentos. O mandato ha de ser emitido en papel e asinado polo debedor.
O mandato debe estar vixente no momento da emisión do recibo. Caduca se transcorren 36 meses dende o último cobramento.
O acredor debe custodiar o mandato asinado polo debedor por un mínimo de 14 meses despois do último recibo.