É o inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) que son liberadas á atmosfera como consecuencia do desenvolvemento de calquera actividade, servizo ou produto. O cálculo de pegada de carbono abrangue todas as etapas do desenvolvemento dunha actividade, o que permite obter unha información que pode ser utilizada como indicador e punto de partida para o desenvolvemento dunha estratexia de redución de emisións dunha compañía.
As emisións asociadas á actividade dunha empresa pódense clasificar como emisións directas ou indirectas segundo tres alcances:
- Alcance 1: emisións directas de GEI. Por exemplo, emisións provenientes da combustión en fontes propias ou controladas pola entidade en cuestión (caldeiras, fornos e vehículos). Tamén inclúe as emisións fuxitivas (p. ex. fugas de aire acondicionado, fugas de CH4 de condutos etc.).
- Alcance 2: emisións indirectas de GEI asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida pola organización.
- Alcance 3: outras emisións indirectas realizadas por terceiros ou pola utilización de produtos ou servizos ofrecidos por outros: ciclo de vida de combustibles e materiais adquiridos pola organización, as viaxes de traballo a través de medios externos, o transporte de materias primas, de combustibles e de produtos (por exemplo, actividades loxísticas).